A entidade entregará distincións aos que foron os seus presidentes dende que se creou
15 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A Fundación Eduardo Pondal entregará hoxe as distincións Patrón de Honra aos que foron os seus presidentes dende a fundación e ao arcebispo de Santiago para conmemorar os 16 anos da súa constitución. Ademais de Francisco José Prieto Fernández, recibirán os recoñecementos os exalcaldes José Luis Fondo Aguiar e Lois García Carballido e o actual rexedor de Ponteceso, José Manuel Mato Martínez.
Os actos comezarán ás 17.00 horas cun acto relixioso a cargo do arcebispo e do párroco de Cospindo, José Manuel Varela Suárez. Tamén se dará lectura á partida de bautismo de Eduardo Pondal e rematará cunha actuación a cargo de Irma Macías e Luís Pinto. Despois haberá unha ofrenda floral no monólito pondaliano e a banda de gaitas Inllar interpretará a Marcha do Antigo Reino de Galicia.
A entrega das distincións comezará ás 17.30 horas e irá precedida da proxección dun vídeo coas actividades que desenvolve a Fundación Eduardo Pondal. Por outra banda, no salón de actos, actuará Icía Varela e, a continuación, o arcebispo de Santiago fará unha visita ás instalacións da Fundación Pondal, que ocupa a antiga casa rectoral de Cospindo. A velada concluirá sobre das 18.30 horas cunha chocolatada para todos os asistentes.
O actos do aniversario están abertos a todas as persoas interesadas. Das tarefas do protocolo ocuparase Sofía Araceli González Fondo, en tanto que Sabela Nogueira Imia será a encargada de dar lectura á partida de nacemento do bardo pontecesán. Tralo acto relixioso tamén haberá un repique de campás, por Julio Martínez Souto.