«Con razón o Festiletras é o festival máis duradeiro do noso país!»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

A cita do Couto, que se despediu cos concertos de Boyanka Kostova e Baiuca, semella non ter teito

25 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Aos abanos, chapeus, gorras, cremas con fotoprotección e lentes de sol, sumáronse onte as pistolas de auga como instrumentos de grande eficacia para combater o sol e as altas temperaturas no Couto, durante unha hora de concerto na que Ortiga puxo a bailar a varios centos de Festiletreiros.

Ao seu recoñecido repertorio foi incorporando constantes referencias á cita pontecesá, e nin sequera a mala pata de sufrir un fallo técnico durante un dos seus maiores éxitos —esa primeira colaboración con Pili Pampín— fixo decaer os ánimos. Axudoulle o público, cantando a coro mentres se solucionaba o percance: «Sodes os mellores! Con razón o Festiletras é o festival máis duradeiro do noso país», exclamaba agradecido, apenas uns minutos antes de saltar ao campo e plantarse en pleno pogo.

BASILIO BELLO

Tiña Ortiga pouco do que preocuparse, pois ben podería cualificarse como intachable o comportamento dos asistentes a esta cita. Comentábase entre os expositores na zona da feira de artesanía: a ausencia de lixo, o ambiente familiar, a convivencia entre xeracións, unha forma saudable de pasalo ben, un lecer construtivo, non destrutivo.

Dende A tenda dos libros, establecemento da Trabe que leva dezasete anos acudindo ao festival, explicaban este domingo que aínda que non fixesen nin unha soa venda, seguirían participando igualmente. Non foi ese o caso, non obstante, pois no mediodía de onte a libreira pensaba xa en facer unha viaxe á tenda para recoller máis mercancía, pois os libros ilustrados infantís, moi especialmente, tiveron unha excelente acollida nesas xornadas.

BASILIO BELLO

Logo dunha pausa para o xantar, continuaron as actividades na aldea pontecesá. Uns, repasaron na zona de karaoke algúns dos maiores éxitos da música española, outros, contemplaron abraiados o novo espectáculo do bailarín Fran Sieira. Foi unha das actuacións que espertou unha maior expectación xunto cos concertos nocturnos de Boyanka Kostova e Baiuca, que puxeron o broche a esta cuadraxésimo terceira edición do festival.

Por ese mesmo escenario, na noite anterior, pasaron o grupo vasco Zetak e o vallisoletano Dulzaro, que ademais de expresar ese seu idilio con Mondra —co que ten colaborado no tema Un labradorito— tamén acompañou á dupla Caamaño&Ameixeiras durante a súa intervención.

BASILIO BELLO

BASILIO BELLO

Toca dicir ata pronto a un festival que deixou momentos para o recordo, como ese emotivo Bo e Xeneroso de Honra para o eterno Kepa Junkera, mais de seguro estará xa a Fundación Eduardo Pondal dando voltas ao seguinte. «Tocará facer avaliación, poñernos nota», dicía onte Xosé María Varela ás portas da zona de concertos, pouco antes do comezo da actuación de Ortiga. As cifras serán respaldo, de seguro, pois esta cita semella, canto menos polo de agora, non ter tocado teito.