O Castelo

VICENTE DE LEMA

VIMIANZO

ARA SOLIS | O |

05 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

NON SEI que diría Bernal Eans de Moscoso sobre o Asalto ao Castelo de Vimianzo do sábado. Bernal foi un home fero que incluso tivo preso ao arcebispo de Santiago nas torres de Vimianzo. O máis posible é que non lle asustasen os mozos que tocaban o tambor. Aínda había de rirse ben da súa febleza e máis coas andrómenas dos rapaces soneiráns para argallar unha festa da que cada ano disfruta máis xente. As paredes da fortaleza de Vimianzo aínda han de gardar unha boa chea de secretos. Se falasen habiamos de quedar abraiados co que nos contasen. Intrigas, loitas, crimes, sentenzas non sempre xustas... Son tempos do pasado que a todos nos gustaría descifrar, pero é ben difícil. No grande escenario que pechan as grosas paredes das torres vimiancesas vivíronse feitos de gran relevancia histórica, como cando a corporación local tomou o edificio o 22 xullo de 1936 para facer un acto de afirmación democrática. Sorte para os concelleiros e quen os acompañaba que non chegaron a tempo as forzas golpistas. Os munícipes foron perseguidos polo feito e incluso un deles, Manuel Alborés Gándara, acabou morto nunha cuneta. Agora o castelo é un espazo no que se respira paz. No seu patio, en vez de berros dos guerreiros, pódese oír ás palilleiras bater nos palillos e aos paxariños que acaban de saír dos niños do carballo que da sombra ao vello castelo pola porte do poñente. A antiga fortaleza dos Moscoso ben merece unha troula como a do sábado último, se ben coido que o ruído que fan os mozos non espantan á vella nobreza. Quería eu ver como correrían algúns se lle saíse a pantasma do mesmísmo Bernal Ianez disposta a cortarlle o gañote a algúns dos argallantes do asalto.