
A obra ideada por Iván Villar, encheu de orgullo a organizadores, colaboradores e público
13 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A danza tradicional irmandada por dúas parroquias, Salto e Pasarela, deixou para a memoria un dos grandes espectáculos da Casa da Cultura de Vimianzo. Tempos de nubeiros, a obra ideada por Iván Villar, encheu de orgullo a organizadores, colaboradores e público que na noite do sábado responderon á convocatoria da Foliada do Río Grande, un acontecemento que tivo como base ós membros do grupos Foliada de Salto e Airiños do Río Grande de Pasarela. Unhas setenta persoas, rapazada a meirande parte, interviñeron na función, que empezou coa introdución de Michel Antelo sobre os nubeiros, uns seres mitolóxicos sempre dispostos a arruinar unha colleita.
Logo, unha fervenza de baile e teatro, que empeza cun amencer ledo con sementadoras dispostas ao labor. A voz en off de Pastor Rodríguez ía poñendo aos presentes en situación. As traballadoras fan a súa tarefa. O despregue coreográfico esperta a admiración do público. Rematan a faena cunha foliada. Na seguinte escena, o trigo xa está fermoso na agra e chega o tempo da colleita, pero preséntase a forza do nubeiro, o que dá na desesperanza das labregas. Daniela, unha nena de 9 anos, rodeada deses seres malvados, e ao son de A moura, de Carlos Núñez, expresa a figura dese desastre, pero o pobo únese e coa Danza das Campaneiras acaba vencendo aos nubeiros.
«Impresionante. Un traballo magnífico», dixo a alcaldesa. Os parabéns a Iván Villar e colaboradores foron múltiples. Unha gran noite para a cultura soneirá e un reconforto para tanto traballo.