Opinión | A alegría que vin lendo a noticia sobre os éxitos de Eva Olveira nos achádegos de Pedra Cuberta foi inmensa. Eu podo presumir ter sido amiga dela
23 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Eva sempre foi a personificación da promiscuidade, como ente malicioso e pernicioso na Biblia. Eu coñecín Evas. Moitas delas que derruían os clichés do seu nome. A alegría que vin lendo a noticia sobre os éxitos de Eva Olveira nos achádegos de Pedra Cuberta foi inmensa. Eu podo presumir ter sido amiga dela. Aínda que parece que foi hai mil anos, daquela integrábamos un club de lectura que tivo nomes como Bibliosoneira ou Letraferit. Éramos unhas pipiolas que defendíamos con ansia as nosas lecturas, enchéndonos o peito e falando con paixón dos libros que íamos descubrindo. Eva é unha persoa agarimosa e se teño que acordarme de algo dela é das súas apertas e da maneira tan rápido ca que fala, coma unha ametralladora fonética sen cancelas.
Aínda que ela non o queira admitir, é unha grande escritora e lectora. Fanática e crítica con Vargas Llosa ou amante de libros de autores como Marisol Ortiz ou Yasunari Kawabata. Incluso poder gañar un certame escolar de literatura era un traballo arduo con ela participando. Crítica e proactiva aínda é para moitos unha descoñecida. Mais eu si que visualizo o seu brillante futuro. Ensinándonos a cabalgar entre o pasado e o futuro, coñecendo os vestixios de quen fomos para saber cara onde imos.
Eva marchou antes de acabar eu os meus estudos en Vimianzo porque trasladábase de residencia. Dende aquela, perdín o contacto con ela. Non obstante, nunca perdín o orgullo e admiración que sentín sempre por aquela rapaza de Pasarela que nun corpo tan miúdo agochaba tanta cultura e coñecemento.
A min que non me falen de que a xuventude está perdida cando hai aínda tantas balas no revólver que demostran que iso é unha falacia. Para exemplo, un botón.