Da mañá á noite, todas as miradas de Soneira irán cara a Muiñada de Vimianzo
VIMIANZO
Roteiro teatral, panillada, foliada aberta, concertos, cea tradicional, xogos, concursos... De todo haberá este sábado!
19 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A comezos desta semana os bonos andaban a piques de esgotarse e as entradas para a sesión vermú case que tamén. Chegou o día. A Muiñada (Muinhada) de Vimianzo, unha antropofesta que vai polos nove anos e leva trazas de chegar a ser a irmá tradi do Asalto ao Castelo, botou a andar na noite de onte con cantos de taberna. Unha proposta novidosa desta edición e que deixaría o camiño feito para as ansias de celebrar en torno a varios muíños da localidade. Da carpa penduran xa pandeiretas e moitas ganas, ánimos que se encarga de espelir, fundamentalmente, a asociación Cherinkas, co apoio municipal e a colaboración de Deputación e entidades locais como Trubisquiña ou a xuvenil O Ariete.
En canto ao que cómpre saber, só dúas das actividades requiren de pago, a sesión vermú con Lina e Lola no Muíño da Gándara (13.30 horas) e a noite de concertos no Palco da Maquía (22.00, o momento álxido). Neste último caso, por alí irán desfilando Crua (22.00), Ailá (23.30) e De Ninghures (01.00). Ailá repite agora con novo disco, Crua chega co seu toque de adufe dende o veciño país de Portugal e De Ninghures é esa banda que está arrasando nos festivais cos seus ritmos e sons de raíz galegos, pero non só. Pode probar sorte coas entradas na plataforma woutick.es ou achegándose ata o propio festival.
Entretemento todo o día
Antes de todo isto, con asistencia libre, unha foliada entre as 20.00 e as 22.00, no Muíño da Agra, mesma franxa na que se poderá gozar dunha cea tradicional. Nesa foliada tomarán parte Trubisquiña, a charanga Benofán, Cantigas e Agarimos, Tarabeliñas de Donaire, Maruxía de Laxe, A Folja da Faneca de Camelle e Fouliada de Mazaricos. Botando o reloxo para atrás, outra cita ben importante, ás 19.00, unha previa musical, practicamente debut, co dúo Unto Vello.
Se é dos que prefire ir cedo, dende as 17.00 mesmo no Palco do Tarabelo (Muíño da Agra): das 17.00 en adiante, panillada, contos con Caxoto sobre esas noites no muíño, xogos e ata campionato de debullado e escunchado (18.00). Este ano recupérase, doutro lado, unha ruta teatralizada por San Fins e os muíños de Cambeda. Aínda co carballo centenario resentido, a comitiva inscrita sairá ás 10.00 da mañá.