O espírito das anduriñas

Vicente de Lema ONDA MAINA

VIMIANZO

BASILIO BELLO

11 mar 2025 . Actualizado a las 23:57 h.

Fronte á Casa da Cultura de Vimianzo, un emigrante camiña só cunha maleta nunha man e unha manta na outra. É unha escultura en bronce de Iria Martínez Rodríguez que vén sendo como un reflexo da alma de anduriña dos habitantes das terras soneirás. O pasado sábado, na mesma Casa da Cultura representouse unha magna obra teatral que tivo a emigración como fondo e forma do discurso de Tarabela. Que gran espectáculo! Dúas horas de mergullo nas venturas e desventuras das xentes que un día tiveron que encoller o corazón e marchar polo mundo adiante en busca dunha vida digna. «As anduriñas son aves de bo agoiro», veñen a dicir as de Tarabela, tres mulleres enriba do escenario que foron debullando historias dos que tiveron que deixar o seu berce e vivir grazas e desgrazas en terras alleas. Boa sorte, mala fama é o título do espectáculo que tanto interese espertou entre os presentes, que despediron de pé a Carmen Conde, Mariña Pena e máis Nastasia Zürcher, que coa súa voz pulida púxolle música chea de nostalxia á escena. Unha traxicomedia debullada experiencia a experiencia, adobiada coa salsa de realidades contadas e investigadas pola propia Carmen Conde, directora tamén do traballo. Os tratos que levaron a moitos emigrantes a ser incluso escravos das azucreiras cubanas. Os malos tratos que moitas mulleres sufriron lonxe da súa aldea. Non son testemuñas vas. Historias tan reais como as bágoas que verteron moitas desas anduriñas. Unha boa ocasión tamén para homenaxear a dúas exemigrantes locais, Caridad e Paquita. Aplausos e flores.