Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Centenario», a alma de San Fins de Cambeda levada a unha camiseta

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

MARCOS RODRÍGUEZ

A comisión de festas fará a presentación física da prenda este sábado, coa quinta Festa do Polbo

04 abr 2025 . Actualizado a las 00:09 h.

A de San Fins de Cambeda é unha desas festas parroquiais de resistencia. Na historia desta celebración no municipio de Vimianzo hai nomes do máis destacado, e o que perdura a través do tempo é a forza veciñal, a organización de propostas para ir dando conta dunha festa pequena, «que non morra». Como ben din dende a comisión, non poden traer a Panorama, mais si poden presumir de patrimonio e sentimento de pertenza con iniciativas como a que veñen de dar a coñecer, a camiseta deste 2025 á que levaron «o que nos pasou co noso carballo de San Fins».

O 7 de outubro do 2024, data que a prenda leva por dentro, un tornado danou gravemente á árbore. Centenaria, en efecto, de aí o nome da camiseta, Centenario, chea de detalles e deseñada pola firma Costa da Morte. Ninguén a loce mellor ca o tamén vimiancés Damián Álvarez, modelo de Pasarela: «A súa colaboración desinteresada xa está sendo costume. A camiseta do ano pasado foi un éxito e agardamos que esta tamén o sexa», explican dende a organización.

Así quedou o carballo de San Fins logo do paso dun tornado
Así quedou o carballo de San Fins logo do paso dun tornado BASILIO BELLO

Xa se fixo a presentación vía redes, mais a física, mediante un estand para darlle difusión, será este sábado, durante a quinta edición da Festa do Polbo, outra desas axudiñas para ir tirando da festa. Será das 13.30 horas en adiante, abrindo con sesión vermú, e levarase a cabo no restaurante Pastoriza da capital municipal. Así non haberá que estar pendentes do tempo. Os que o desexen poderán mercar a prenda alí. Reivindican, non tanto as vendas que se fagan, senón todo o traballo que hai detrás, a suma de vontades para seguir facendo historia de San Fins de Cambeda.