Kote Malabar: «O circo é un movemento xa consolidado en Galicia»

A. Lestón / M. López CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

CULTURACTIVA

Protagonizará mañá a derradeira actuación do programa Vimiansol, se ben hoxe mesmo botará a andar outra proposta cultural na vila: o festival Vimianzo M.O.L.A.

29 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Concluirá mañá, ás nove da noite, unha nova edición do programa cultural Vimiansol. Será co espectáculo Cirkote, de Kote Malabar, que se ben está previsto para a Praza do Concello, podería verse desprazado ao auditorio por mor das malas previsións meteorolóxicas. Onte explicou en Radio Voz Bergantiños en que consiste a súa proposta:

—Vén moito pola comarca?

—Pois non vou moito actuar pola Costa da Morte... Igual vou máis pero para dar unha voltiña por aí. É unha zona moi bonita: esas praias...

—Quen é Kote Malabar?

—Pois Kote Malabar é un artista de circo que leva máis de vinte anos metido no teatro de rúa, no novo circo galega. Son un artista de animación, de teatro, de circo, de clown... Iso é o que levarei esta fin de semana a Vimianzo.

—Como cambiou o mundo do circo nestes decenios?

—Cambiou e evolucionou moito, si. O novo circo está en auxe por toda Europa, pero en Galicia, hai vinte anos, era algo moito menos común. Hoxe en día hai moitas compañías, profesionais, cursos, formacións, escolas... Antes, empezabas dun xeito un pouco máis autodidacta, pero agora é un movemento que está xa consolidado, como calquera outra arte escénica.

—A xente que coñeceu ese circo de hai trinta ou corenta anos, tamén goza do actual?

—Este novo circo non ten nada que ver co clásico, ese que se facía nunha carpa, con animais... O de agora é un circo moderno, con moitas técnicas e disciplinas distintas. Pero á xente sempre lle gusta ver e pasar un anaco divertido, tanto hai trinta ou corenta anos, como agora.

—Como se leva iso de ser o único protagonista en escena?

—Eu diría que é algo que sae dun xeito natural. E as pezas de teatro de rúa, aínda que hai marxe para a improvisación coa xente e co que pasa arredor, están estruturadas.

—O público adoita ser participativo? Préstase a colaborar?

—Depende do sitio, da mentalidade coa que veñan... Non tódolos públicos son iguais: hai xente que vén moi predisposta, outra que non lle gusta saír ao escenario, quizais por timidez... É algo que forma parte deste tipo de espectáculos e a min gústame que o público sexa parte activa.

—Como é ese espectáculo que presentará mañá, «Cirkote»?

—Este tipo de espectáculos soen orientalos a público infantil, pero eu sempre digo que os nenos veñen cos pais, así que a miña é unha proposta para público familiar, para que todos poidan pasar un ratiño divertido e botar unhas risas.

CULTURACTIVA

Semella que as previsións do tempo non serán moi favorables. Haberá cambio de localización se finalmente chove?

—Notificáronme que posiblemente se faga no auditorio, pois hai previsións de que poida estar o tempo reguleiro. Onde máis cómodo me sinto é na rúa, en espazos ao aire libre, pero hai veces na que toca adaptarse. O espectáculo, iso si, farase igual.

O festival Vimianzo M.O.L.A. comeza cun concerto de Tiam Gz e cunha sesión de pinchadiscos de DJ RPC

Logo de que as tres primeiras actividades fosen adiadas por mal tempo, hoxe dará comezo, por fin, o novo festival Vimianzo M.O.L.A. (siglas que corresponden a murais, oralidade, literatura e arte), unha cita que pretende converter a vila nun espazo de encontro coa arte, a literatura e a creación colectiva.

A primeira proposta terá lugar hoxe no auditorio da Casa da Cultura, ás 20.00, e trátase dun concerto do grupo de rap en galego TIAM Gz e dunha sesión de pinchadiscos con DJ RPC na que «os pratos e vinilos se converterán en instrumentos para a creación sonora en directo», avanzan dende o Concello.

A xornada do sábado, que ía estar dedicada enteiramente á cultura urbana, quedou tamén adiada ata novo aviso. Así, as propostas reanudaranse a semana próxima co pintado dos murais que estaban previstos para onte e antonte e con concerto infantil a cargo de Paco Nogueiras.

Do venres 5 ao domingo 7 de setembro, as letras serán as protagonistas, e o Castelo, o escenario principal dunha feira de librarías, clubs de lectura, presentacións e encontros con persoeiros como Manuel Rivas, Pedro Feijoo ou Ledicia Costas.

O programa Vimianzo M.O.L.A. rematará o xoves 11 e setembro coa representación dunha obra teatral.