Profesores de pro

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

VIMIANZO

16 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai dous mestres que se os ves camiñar por Vimianzo sentirás esa elegancia innata que só brilla nalgunha xente. Don Lito e dona Carmiña déronlle memorables clases a miña nai na infancia e eu tiven a sorte de ser alumna súa no seu derradeiro curso, antes da xubilación. Imaxinen dar clases nun rural cheo de corredoiras, camiños de terra e alumnos que non sempre tiñan a oportunidade de aprender polas tarefas da casa. Imaxinen pasar pola transición e a transformación tecnolóxica dos últimos anos. Todo iso viviuno este matrimonio na súa vida laboral, longa e intensa. Don Lito é unha persoa próxima, curiosa polo seu entorno e atento ás necesidades dos seus alumnos.

Dona Carmiña saía nas páxinas deste xornal hai uns días e non me estraña. Filántropa, culta e amante da literatura e a pintura. Tamén esixente porque, como ela di, trata aos seus alumnos coma fillos. Eles foron durante anos os mestres de xeracións de vimianceses, adaptándose aos tempos e, como non, aos cambios históricos e metodoloxías de aprendizaxe. No 2011-2012 despedíronse da docencia con esa agre sensación de deixar as aulas pero non esqueceron aos seus alumnos.

Don Lito non perde de invitar nunca aos seus alumnos a un café e a dona Carmiña sempre a sigo en todos os proxectos que desenvolve. Son das que pensa que as homenaxes deberíanse dar en vida e estas persoas ben poderían ser merecentes. O cariño dos seus alumnos, ineludible, xa o teñen. Iso débese a que hai mestres que, por moitos anos que pasen e aínda que nos fagamos adultos de maneira obrigada, sempre deixan unha pegada imborrable, nas memorias e no corazón. Nunca deixedes de mirar polos vosos alumnos, esa é a verdadeira vocación de servizo público que todos os docentes deberían de ter.