Hai 16 anos que Luis Ramón Mata decidiu crear a comisión de festas de San Roque do Monte en Zas, e desde aquela continúa á fronte das celebracións da parroquia de Mira. Este ano, el e máis os outros dos compañeiros da organización, María Freijeiro e Braulio García, decidiron cambiar a data da celebración -que era o 24 de agosto-, xa que pensaron que a festa tería aínda máis acollida se fose sempre un sábado, así que optaron por fixala de cara os vindeiros anos para o cuarto sábado do mes de agosto. E ese día arrancará hoxe desde moi cedo.
-Un día longo...
-Moito, e para os que estamos á fronte da comisión é inacabable. Sempre necesitamos despois tres días de descanso para recuperar (ri).
-Supoño que o máis duro son os días previos.
-Si, pero contamos coa axuda de moita xente. Sen eles a festa sería imposible de celebrar.
-¿Sabe todo o mundo o cambio da data?
-Penso que si, porque levamos desde xaneiro insistindo niso.
-San Roque pode estar contento.
-A festa tamén é por san Bartolo. De feito, as celebracións empezaron por el. Pero a verdade é que o nome da romaría funciona mellor con san Roque.
-¿Seguirá moito tempo?
-A ver se aguanto uns cinco anos máis. O que teño claro é que isto é cada día máis difícil, porque a vida dispárase e vai moi rápido.