David Gómez Brandariz, PP de Zas: «O Concello estase quedando atrás con respecto a outros»
ZAS

A carreira electoral | Asegura que leva un programa «real e concreto» nesta terceira vez que se presenta, e ve que o goberno actual está desgastado
11 may 2023 . Actualizado a las 11:32 h.David Gómez Brandariz (Baio, 1974), é biólogo, responsable da entidade Río Mar e candidato do PP de Zas por terceiro mandato consecutivo.
—E esta vez, con catro candidaturas en liza, tamén co PSOE. Que lle parece?
—É unha boa nova que o PSOE concorra a estas eleccións. Levaban tres mandatos sen facelo, e o abano de posibilidades ábrese, os veciños teñen máis opcións de voto, e optarán por aqueles que máis lle convenzan. A min paréceme moi ben.
—Vostede xa é veterano.
—Si, é a terceira vez que dou o paso co PP. E coas mesmas ilusións. Creo que temos unha candidatura de xente moi preparada e moi nova, que lle dá ánimos a un. E levamos un programa electoral moi real e moi concreto. Somos unha boa alternativa ao goberno de Muíño.
—Como valora estes últimos catro anos de goberno?
—Foi un mandato atípico, pasou a pandemia, no foi doado para ninguén, tampouco para o goberno. Dende o PP tratamos de facer unha oposición o máis leal posible, sen buscar moito o conflito nin nada parecido. Sempre lle tendemos a man por se necesitaban calquera cousa. Dito isto, foi un mandato no que non se fixeron grandes cousas. O Concello estase quedando algo atrás con respecto a outros da contorna e limítrofes. Tras 16 anos de goberno, hai un desgaste evidente. A ilusión non é a mesma. Nós ofrecémonos a vertebrar este cambio se os veciños así o estiman. Somo a alternativa máis viable, e así traballaremos.
—O obxectivo é gañar.
—Por suposto. O que me coñece sabe que non me embarco nun proxecto se non é para gañar, e imos intentalo. O rival non é doado, pero temos unha candidatura moi atractiva, un programa moi obxectivo, e con iso trataremos de convencer aos veciños de que somos a mellor opción.
—Que se pode destacar do seu programa electoral?
—A grandes rasgos, levamos un programa moi obxectivo e concreto. Hai grandes proxectos. Levamos unha piscina municipal climatizada e cuberta en Zas. Non todos os concellos a teñen. Os servizos sociais van ser tamén fundamentais. Intentaremos que o abano de servizos sexa máis amplo. A lista de espera no SAF debe de ser cero, con atención inmediata. No medio ambiente temos cousas importantes, como a creación dun punto limpo. E na cultura, o mesmo. Levamos cousas que fan falta, como fomentar o emprego, e lembrar que somos un municipio agrario. Hai que pensar na súa xente, no arranxo das pistas forestais, facilitarlle o traballo. E que Zas sexa atractivo para que a xente veña para aquí. O municipio está perdendo poboación, e hai que tratar de evitalo. As comunicacións son boas, temos aí unha autovía e unha autoestrada que nos permiten estar na Coruña, e hai que ver a Zas atractivo para vivir e traballar.
A LISTA
1. José David Gómez Brandariz
2. David Rial Montes
3. José Martín Cundíns Suárez
4. Noelia Santos Pose
5. Alicia González Mourelle
6. Santiago Novo Rama
7. Héctor Leoncio Loureiro Rey
8. Patricia Lage Magariños
9. María Albina Freijeiro Rey
10. Herminio López Blanco
11. Isabel Blanco Espasandín
Suplentes
1. Míriam Romero Pardiñas
2. Xoán Camafreita Pastoriza
3. Juan Manuel Espasandín Caamaño
PREFERENCIAS
A que hora se ergue? Ás 6.30
Que almorza? Un café
Prato preferido? A pasta
Que non comería? Un can
Bebida preferida: CocaCola
Equipo de fútbol: O Baio
Que coche ten? Un Volkswagen Passat
Una afección: Caza de pesca, por igual
Un lugar: O río Grande
Redes sociais que usa: Facebook
ARTES E LETRAS
Escritor ou escritora favoritos: Marilar Aleixandre
Último libro que leu: Lejos de Luisiana
Última película que viu: As Bestas
Un artista: Eric Clapton:
Un actor: Clint Eastwood
Unha actriz: Nicole Kidman
Un cantante: Brian Johnson, de AC/DC
Tipo de música: De todo, pero máis rock
Deporte que practica: Pesca submarina
Unha viaxe pendente: Moitas. Gran Barreira de Australia