De Javi Maneiro a Guadi Galego, Os do Fondo da Barra, Mondra ou Storrentos: a Carballeira de Zas máis ecléctica 

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO/ LA VOZ

ZAS

ANGEL MANSO

Asociación Castro-Meda e colaboradores presentaron este martes o cartel da 39.ª edición do festival 

05 jun 2024 . Actualizado a las 21:45 h.

Se por cartel é, a 39.ª edición da Festa da Carballeira de Zas, 9 e 10 de agosto, ten moito público que chamar, moitos motivos para concentrar a uns seguidores que xa deron mostras de fidelidade cos primeiros bonos. A noite do primeiro día, venres, será do «máis ecléctico», como a definiu Fidel Otero, director do festival: Javi Maneiro, voz de Heredeiros da Crus, con ración de rock en galego; a mestizaxe de Amparanoia e o rap en galego, forza e rabia de Rebelión do Inframundo. Vaticínase que a Carballeira de Velar quedará «patas arriba», co ánimo ben levantado. Fará falta, porque o sábado, día grande, traerá actividade dende primeira hora: zona infantil, mexillonada gratuíta, A Gramola Gominola a mediodía para os máis pequenos, a referencial Guadi Galego na volta do vermú, Fanfarria Taquikardia na sobremesa e unha foliada «top», cos mellores representantes da música tradicional galega: Xacarandaina, Brincadeira, Os Petadores de Zas, Churía e Os Pandeireteiros de Vigo. Unha tarde auténtica que pechará «por todo o alto» De Ninghures, novo folk en galego, grupo que está a concentrar miradas. Quedarán para a noite: Os do Fondo da Barra co seu novo disco, BâNZô; The O'Reillys and the Paddyhats, folk irlandés chegado desde Alemaña; Mondra e a súa irreverencia ligada ao mundo tradicional e, finalmente, remate de festa, Storrentos

Mondra
Mondra PACO RODRÍGUEZ

Pero a Carballeira de Zas é, en realidade, moito máis que música. É mesmo a espera cada ano pola creación do deseñador local Miguel Riveiro, que sempre consegue o impacto, a sorpresa. «Somos un festival humilde e queremos seguir sendo humildes, fieis á nosa tradición. Unha festa do pobo, para todos e todos os públicos», afirmou Otero. Se Manuel Muíño, alcalde de Zas, elevou a categoría ao mellor festival folk de Galicia, a deputada responsable da área da Cultura da Deputación da Coruña, Natividad González, subiuno aínda ao máis no Estado: «Estou segura de que en ningún outro lado se fai algo así».

Guadi Galego foi a primeira confirmación para a Carballeira de Zas
Guadi Galego foi a primeira confirmación para a Carballeira de Zas BASILIO BELLO

E algo así é un encontro destas características dende un concello rural que sosteñen «moitos voluntarios, todos xente da volta»: «Iso faino diferente, participan del, sínteno como propio. A calidade musical da Carballeira de Zas está fóra de toda dúbida, pero esa faceta do voluntariado é para min o destacable», afirmou Muíño. «Somos unha asociación nun mundo profesionalizado de festivais, non deixamos de ser catro amigos e moitos voluntarios detrás, que botan unha man desinteresadamente», coincidiu Fidel Otero. A liña de axudas provincial para festivais, precisou, supuxo «un gran empurrón», e a perenne do Concello resulta vital: «Sen ela sería imposible, por moita vontade que poñamos». 

Palabras todas elas pronunciadas onte na Cervexaría Estrella Galicia, na Coruña, un dos principais patrocinadores do festival. «Satisfacción», «entorno natural», «orixes e tradicións» foron algunhas das palabras de Loreto Rodríguez, responsable de Earned Media en Hijos de Rivera. Un encontro, dixo, moi na liña do desexo de Estrella, «formar parte da vida das persoas». «Poñemos recursos económicos, e é unha axuda importante, pero o que máis hai que valorar é en que se traducen eses recursos, e este é un exemplo, festivais que crean comunidadade. Encantamos de colaborar, e seguiremos», avanzou a deputada provincial. 

LOLITA VÁZQUEZ

En representación dos artistas nesta presentación, Quique Peón, alma de Os do Fondo da Barra (OFB). «Úneme con Zas un tema sentimental, estiven dando clases de baile tradicional e pandeireta 22 anos. Fun a non sei cantas vodas...», sorriu. Sabedor do que se fai «por fóra», tamén el puxo o foco na «xente amadora que bota unha man» para que estas cousas saian adiante. Para el, a Carballeira de Zas ten tamén algo distinto, a parte tradicional importantísima desta terra entre o Xallas e o Anllóns: «Identidade e riqueza cultural». Do novo disco de Os do Fondo da Barra, a metade das pezas proceden deste territorio. 

Xa están á venda bonos e entradas en liña para a Carballeira: 18 euros os dous días e 10 un só, ata o 9 de agosto ás 15.00 horas. Logo, en billeteira física, os prezos subirán a 25 e 15, respectivamente. Cabe lembrar que, cómo se ven facendo nos últimos anos, o festival folk de Zas terá vertente solidaria: unha parte da venda dos bonos en liña irá para a entidade ASER, que traballa en torno ás enfermidades raras. Máis que axuda económica, a intención é, sobre todo, ofrecer «visibilidade». Con todo isto dito xa, non queda máis que agardar polo 9 e 10 de agosto: Ei, Carballeira!