«Brandomil», por e para os veciños

P. B. M. CARBALLO / LA VOZ

ZAS

O Abaladoiro | Acolleu a igrexa, no día do patrón, a presentación do libro do que é coautor Lino Gorgoso. Con el, Dolores Martínez e Manuel Muíño

05 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Contra finais de xuño, no día do patrón, acolleu a igrexa de Brandomil, Zas, unha das máis senlleiras presentacións do libro Brandomil. Vila Soterrada, do que é coautor o arqueólogo Lino Gorgoso. El mesmo, malia terse feito xa presentacións no Museo do Pobo ou no local de Amigos dos Museos da Coruña, foi quen incidiu neste carácter especial da cita, por facerse por e para os veciños de Brandomil. No templo, pese a todo, non só había veciños do municipio, tamén doutros concellos e mesmo estranxeiros.

Foi Dolores Martínez Martínez, unha das habitantes máis lonxevas, a que representou a parroquia neste encontro, gabando o esforzo de Fundación e Concello por recuperar «as cousas antigas do noso lugar», evidenciando o cambio que para a aldea está a supoñer a chegada de visitantes. Manuel Muíño, alcalde, confirmou que se seguirá apoiando o labor arqueolóxico e que nuns días comezará outra intervención, na zona Pedra do Altar. Abundou Gorgoso no contido do libro e xa en tempo de coloquio falouse da necesidade de ter no lugar un centro de recepción de visitantes e colección visitable de pezas recuperadas.