
Especial agro | Doutor en enxeñaría agrónoma, está especializado en mecanización, unha área que experimenta unha profunda transformación dende hai moito, e vai a máis
03 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Javier Bueno Lema (Zas, 1965) é doutor en enxeñaría agrónoma e profesor na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, o Campos de Lugo da USC, do que ademais foi vicerreitor. Un dos varios e destacados cargos que ten ocupado a maiores da docencia. Tamén forma parte, en certo modo, da historia da música folk de Galicia, pero ese si que é outro tema. Está especializado en mecanización agraria e forestal.
—É a súa unha área cambiante, que evoluciona moito.
—Si, cada vez hai máis especialización: máis electrónica, máis robótica, máis automatización.
—Cara onde imos na mecanización?
—O cambio é constante, dende que se produciu a puramente mecánica, nos anos 50, despois da Segunda Guerra Mundial, cando se empezou a mecanizar Europa. En España, nos 60. Evoluciona a agricultura, o medio rural, e a mecanización adáptase a eles. Nos anos 50, temos datos de que se vendían en Europa cen tractores en superficies onde hoxe se venden dez veces menos, porque igual hai dez veces menos explotacións. E a maquinaria ten que adaptarse a un mercado que cambia e a unha distribución de poboación diferente, entre o medio urbano e o rural.
—Os grandes saltos, a dixitalización... É o que temos e parece que non hai volta atrás.
—Unha das consecuencias da falta de man de obra, Dun trasvase do rural ao urbano. Máis do 80 % da poboación de España vive en zonas urbanas. E no medio rural temos un grave problema de falta de man de obra. Iso implica que as máquinas cada vez son máis grandes, fan máis traballo, e ademais fano dunha maneira máis automatizada e, mesmo algunhas, de forma autónoma, sen necesidades de man de obra, porque é unha necesidade nestes entornos.
«Galicia é líder en potencia nalgunhas gamas de máquinas»
As escenas de grandes tractores e os seus apeiros son xa moi comúns nas terras da comarca (e noutras). Un gran salto que transformou o agro galego.
—Un cambio que se fixo en poucos anos.
—E que non ten volta atrás. Por exemplo, agora mesmo, Galicia é líder en potencia nalgunhas gamas de máquinas. As colleitadoras de forraxe máis grandes do mundo traballan en Galicia.
—Pero non tanto para uso individual.
—Depende de como nos organicemos. Estas grandes máquinas das que estou falando están sobre todo para servizo de uso de maquinaria en común, son empresas de servizo ou cooperativas as que as ofrecen. Iso non implica a desaparición da explotacións, per se. Vanse adaptando á maior especialización, teñen un maior custe e polo tanto son inasumibles de adquirir dende un punto de vista individual, de tamaño mediano-pequeno como as que temos aquí. Pero non necesariamente a maquinaria grande implica unha desaparición da explotación pequena. Hai organizacións como as cumas, que naceron na Bretaña e chegaron aquí.
—Pero o réxime de xestión de terras en Francia é moi diferente, non?
—Non é o mesmo, pero en Francia tamén son explotacións familiares de tamaño mediano, e teñen fórmulas de organización colectiva que quizais sexan mellores que as nosas. Que igual é o que nos falta, unha mellor explotación en común. Que aínda que teñamos explotacións independentes podemos poñernos de acordo nalgunha cousas, por exemplo compartir a maquinara en base ao que comentei: a cumas, a cooperativas ou a demanda de empresas de servizos.