A axenda da Costa da Morte trae á xornada de hoxe teatro, micoloxía ou solidariedade
16 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Domingo con varias citas na axenda cultural e de ocio da Costa da Morte. Unha das máis destacadas, en Zas, onde o ciclo cultural e literario Follas de outono, organizado polo Concello, chegará hoxe ao seu fin co acto central da programación, ás 18.00 horas no auditorio de Baio.
Coincidindo co Día do Patrimonio Cultural, trátase de Cantareiras: tradición e legado, unha homenaxe ás cantareiras que contará coa presenza da numeraria da RAG Fina Casalderrey; dos grupos de pandeireteiras de Adro e das informantes Clarisa Santos e Matilde Ferreiro, de Pudenza. Conducirán Álex Insua, mestre de baile e música tradicional, e Patricia Blanco, xornalista. Previamente, ás 17.00 horas, Manuel Muíño, alcalde, recibirá no Concello a Fina Calsalderrey, quen asinará no Libro de Honra.
Non é a única proposta da xornada na comarca. Tamén se poderá gozar destas:
Carballo • Teatro afeccionado coa asociación Coro Vagalume, unha cita da man da asociación Santa María de Ardaña. No social local, ás 19.00 horas, representarán Operación barranco. Acceso libre.
Asemade en Carballo está programada para hoxe a apertura da carpa solidaria que Cáritas instalará un ano máis no adro da igrexa parroquial de cara á campaña de Nadal. Ás 12.30 será a misa e logo, ás 13.30, a bendición e apertura da carpa. Poderán facerse donativos ata o 17.
Cee • A Escola de Teatro de Muxía, dirixida por Artur Trillo, representará no auditorio Baldomero Cores de Cee, ás 19.00 horas, a obra As arteiras maneiras de María Volpona. Entrada de balde. Recomendada para maiores de 12 anos.
Cabana • Ás 18.00 horas, no auditorio municipal, a compañía de teatro Pedras de cartón representará Os contos de William Shakespeare.
Vimianzo • Peña Barcelonista Irmandiña e Concello promoven unhas novas Xornadas Micolóxicas: charla ás 09.30, recolleita ás 11.00 e clasificación e degustación ás 13.15. Prazas esgotadas.