CONTENIDO PATROCINADO

A plantación de variedades autóctonas e a conversión de moitos predios en monovarietais de godello no territorio amparado de Valdeorras, a finais dos anos 70 e principios dos 80, puido considerarse no seu día unha aposta arriscada. Hoxe, algo máis de catro décadas máis tarde, a fórmula revelouse particularmente exitosa tendo en conta o boom que está a experimentar esta variedade no mercado.

O binomio Valdeorras-godello está a dar moitas alegrías aos amantes do viño e, tamén, aos viticultores e adegueiros dunha das denominacións de orixe máis singulares de Galicia pola súa diversidade de solos e polo seu microclima. O presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras revela a principal receita deste éxito: “somos o único territorio amparado que esixe por norma que a botella marque que o godello é do 100%”.

Máis hectáreas plantadas cada ano

Tamén destaca que o interese na zona por cultivar esta variedade non deixa de medrar. “En catro anos, pasamos de 300 hectáreas plantadas de godello a máis de 500”, asegura García Pando, que cre que “non estamos perante unha moda pasaxeira: o godello implantouse paseniñamente no mercado, conquistando cada vez máis territorios, pero teño claro que chegou para quedarse e que a súa produción e comercialización vai seguir na liña ascendente dos últimos anos”, apostila.

Os godellos caracterízanse pola súa cor amarela palliza con matices verdosos e por posuír unhas fragancias, intensas e francas, que lembran a algunhas froitas de óso e a flores brancas. Na boca, son viños que se amosan estruturados e untuosos cunha acidez natural que os fai frescos, elegantes e plenos. A súa gradación media sitúase arredor dos 13º.

Nos últimos anos, por outra banda, moitos adegueiros apostaron por axustar os tempos de crianza do godello en barrica, abrindo un novo escenario moi interesante para este tipo de viño. Este axuste permite que a froita se exprese e confire ás referencias resultantes unhas singularidades moi especiais. “O feito de que o godello amose a súa capacidade para envellecer preservado en barrica representa, sen dúbida, unha das grandes bazas para o futuro desta variedade”, argumenta o presidente da D.O.

Un caso de particular éxito

Algúns adegueiros da comarca de Valdeorras, como é o caso de Rafael Palacios, teñen levado o godello a un nivel superior grazas ao seu excelente traballo de modernización reinterpretación do traballo na vide.

Un dos godellos desta emblemática adega da comarca, Sorte O Soro, conseguiu en 2022 un fito francamente sobresaínte como é o de obter 100 puntos -a máxima puntuación- na prestixiosa Guía Parker. Trátase dun viño de gran definición que está a conquistar os máis esixentes padais en numerosos cantos do mundo. “É un orgullo que o primeiro viño galego que acada os 100 puntos nesta publicación sexa de Valdeorras. Estamos perante un dos grandes brancos do país”, congratúlase García Pando.

Os tintos da zona, cada vez máis relevantes

Malia que os brancos, particularmente os godellos, representan o 65% da producción da D.O. Valdeorras, non podemos deixar de mencionar os tintos da zona. Aínda que a produción sobre o total é menor que no caso dos brancos, estanse a elaborar tamén viños tintos dunha excelente calidade, particularmente os monovarietais de mencía ou os feitos con outras variedades que están a experimentar un forte pulo na comarca, nos últimos anos, como é o caso da garnacha tintorera.

Os monovarietais de mencía destacan pola súa particular cor vermella rubí e polos seus matices violáceos. Tamén por posuír expresións aromáticas de intensidade media, que lembran ás froitas do bosque como a framboesa ou a mora. O resultado: que o seu paso na boca resulte suave e carnoso, cun final limpo e fresco.

“Son tintos con moita expresión, con rasgos varietais moi marcados e con moita estrutura en boca, algo que está a ser tendencia nos mercados internacionais”, asegura García Pando, quen afirma tamén que “ano tras ano, os nosos tintos melloran máis”.

Retos para 2023

Para impulsar os viños da zona, tanto os godellos e o resto de brancos coma os tintos, é preciso -segundo resalta o presidente do Consello Regulador- “conseguir máis ganancias para as adegas e para os viticultores”. Acadar este obxectivo é un dos principais retos de futuro imediato para Valdeorras.

“Os nosos viños son os segundos que máis se venden de Galicia na canle hostaleira”, pon en valor García Pando. “É importante continuar establecendo unhas óptimas redes comerciais para poder colocar o viño onde queiramos, a uns prezos que permitan a todos os que conforman o sector vitivinícola da comarca poder vivir dignamente do seu traballo”, engade. “Isto é algo que debemos potenciar entre todos, cun traballo conxunto realizado por parte das adegas e do Consello Regulador”, finaliza.