CONTENIDO PATROCINADO

O proxecto Da túa man, da Deputación de Pontevedra, ten como obxectivo adaptar o pequeno comercio do rural da provincia aos novos hábitos de consumo da sociedade actual, especialmente marcados pola dixitalización e as novas tecnoloxías. Ademais, busca resaltar a importancia de consumir de forma local, así como destacar a calidade e sustentabilidade dos produtos quilómetro 0. 

Este proxecto xorde para que factores como a fenda dixital ou a dispersión xeográfica non sexan un freo para o desenvolvemento dos concellos do rural, implantando o uso das novas tecnoloxías, melloras no acondicionamento dos espazos comerciais e levando a cabo prácticas que promoven a economía circular. 

Concretamente, dentro da iniciativa Da túa man rural, estas accións céntranse nos seguintes once concellos rurais con menos de 5.000 habitantes: A Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Moraña, Oia, Pazos de Borbén, Portas e Vilaboa. 

Unha novidade que se está a desenvolver dentro desta iniciativa é MOVE, unha plataforma en liña na que hostaleiros e comerciantes poderán estreitar vínculos cos provedores e produtores locais. Esta plataforma tamén favorecerá aos consumidores, que poderán descubrir a variada oferta de produtos de alta calidade que se atopa nos comercios de proximidade. 

MOVE tamén será a rede que permitirá a estes comerciantes e hostaleiros darlle visibilidade aos seus comercios, contar a súa historia e, así, conectar ca veciñanza destas localidades. Desta forma, MOVE será un escaparate que proporcionará unha experiencia de compra diferente e emocionante para o consumidor. Así, con esta plataforma tamén se busca manter viva a cultura e identidade destes municipios de Pontevedra. 

Grazas a MOVE, establecer relacións comerciais e xerar novas oportunidades de negocio será moito máis sinxelo. Ademais, estes novos vínculos comerciais axudarán a favorecer a economía circular, así como a conseguir unha maior rendibilidade para os negocios. 

En MOVE aproveitarán a visibilidade que proporciona o universo dixital, ademais de aprender a usar ferramentas dixitais e novas estratexias comerciais. Así, a través de ferramentas como as videoexperiencias, poderán compartir as boas prácticas e reiterar o valor do local, dándose a coñecer dun xeito viral. 

A través de proxectos como Da túa man rural e plataformas como MOVE, a Deputación de Pontevedra estalle a dar ao rural da provincia a visibilidade que precisaba. Grazas a iniciativas como esta, propíciase o consumo e axúdase a revitalizar a economía local, a atraer novos visitantes, así como a favorecer a empregabilidade e a permanencia da veciñanza no territorio.