CONTENIDO PATROCINADO
OFRECIDO POR UVIGO

Unha expo-feira científica organizada pola Universidade de Vigo, que se desenvolveu por primeira vez fóra das cidades que acollen os seus campus

Este venres, Lalín converteuse na capital galega da ciencia coa cuarta edición de «A ciencia que vén ten nome de muller», unha expo-feira científica organizada pola Universidade de Vigo, que se desenvolveu por primeira vez fóra das cidades que acollen os seus campus. O evento celebrouse no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero, ocupando tanto os espazos interiores como exteriores, onde ofreceu unha ampla e diversa programación de actividades científicas de carácter lúdico para todas as idades e intereses.

O evento contou con máis de 30 obradoiros e stands interactivos, charlas, espectáculos e actividades artísticas, que se desenvolveron ao longo de toda a xornada co obxectivo de «achegar a ciencia á cidadanía, promover vocacións STEM entre a mocidade —especialmente entre as nenas— e visibilizar o papel das mulleres investigadoras da Universidade de Vigo». Organizada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade, a feira desenvolveuse no marco do programa «Ciencia de Ida e Volta», e contou co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) - Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e da Deputación de Pontevedra, así como coa colaboración do Concello de Lalín.

Dúas nenas observan e participan nunha das actividades científicas
Dúas nenas observan e participan nunha das actividades científicas

Vocacións científicas e referentes femininos

Ao longo da mañá, arredor de 240 estudantes de primaria e secundaria de diferentes centros do ensino do municipio participaron en visitas guiadas pola feira. A través de obradoiros e actividades prácticas, o alumnado dos CEIP Varela Buxán, Xesús Golmar, Manuel Rivero, Xoaquín Loriga de Prado e Vicente Arias de la Maza, do colexio Sagrado Corazón-Scientia e IES Ramón María Aller Ulloa puido descubrir a ciencia desde unha perspectiva divertida e próxima.

Entre outras experiencias, participaron no «xogo do salmón» para entender os retos da biodiversidade, en experimentos sobre alimentación sostible, utilizaron cámaras termográficas, exploraron os segredos da criptografía e achegáronse ao mundo da acuicultura con xogos a tamaño real. Tamén puideron tocar microfósiles, modelar estruturas en 3D ou ver de preto o monopraza de UVigo Motorsport, construído polo propio alumnado da universidade.

Por outra banda, o alumnado de secundaria participou tamén en dous obradoiros: un centrado na desinformación, no que aprenderon a detectar noticias falsas e contrastar fontes; e outro sobre ferramentas para exercer unha cidadanía crítica, ética e comprometida co desenvolvemento inclusivo. Ademais, todo o alumnado participante nestas visitas escolares tivo a oportunidade de asistir ao espectáculo de danza contemporánea A conectividade que nos move, unha peza que afonda na interdependencia ecolóxica a través do movemento e a expresión artística.

Xa pola tarde, a feira abriu as súas portas ao público xeral, con entrada libre. Numerosas persoas achegáronse ao espazo para para participar nas actividades dos diferentes stands, así coma noutras actividades interactivas, coma unha exposición itinerante contra a desinformación, un mural colaborativo sobre sostibilidade nos centros educativos ou un punto de troco de obxectos. Todo nun ambiente lúdico e familiar, no que a ciencia se fixo visible e accesible.

Un intre da danza «A conectividade que nos move», do grupo Future Oceans Lab (CIM)
Un intre da danza «A conectividade que nos move», do grupo Future Oceans Lab (CIM)

Ciencia, emocións e artes escénicas

O broche final da feira púxoo o espectáculo teatral Elemental, protagonizado por Manuel Vicente, César Goldi e Juanjo Fernández, que mesturou ciencia, humor e música para toda a familia. Xusto antes, a charla de clausura «Fala que sente: percibindo emocións a través da melodía das linguas» achegou o público, con interpretación en lingua de signos, ao estudo interdisciplinar das emocións e da linguaxe.

Na clausura da feira, que tivo lugar no auditorio do edificio sociocultural, participaron as vicerreitoras da Universidade de Vigo Belén Rubio, de Investigación e Transferencia, e Mónica Valderrama, de Comunicación e Relacións Institucionais; a deputada provincial de Igualdade, Sandra Bastos, e a concelleira de Igualdade, Carmen Canda. Todas elas puxeron de manifesto a importancia de impulsar a igualdade no ámbito da ciencia e de espertar vocacións científicas, especialmente entre as nenas e mozas, e de facelo a través de actividades accesibles e inspiradoras que acheguen os referentes femininos á realidade do alumnado.