RELATO | O |
04 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.CANDO Feíta Neira proclamou, como ela di, os dereitos da muller, foi tomada por tola. Pero, finalmente, impúxose e explorou o mundo que ata aquel momento lle estaba vedado. E Feíta, a máis revolucionaria das protagonistas femininas de Memorias de un solterón , de Emilia Pardo Bazán, quedou convertida, naqueles anos 80 do século XIX, nunha feminista avant la lettre da literaria Marineda. Case un século antes de que Feíta Neira escandalizara ao seu pai coa idea de dar clases para manterse, a pensadora inglesa Mary Wollstonecraft publicara A Vindication of the Rights of Woman, que se converteu nunha das primeiras teorías sobre a liberación da muller xunto coa obra das pensadoras da Revolución Francesa. Na terra de Feíta, as mulleres malamente poderían ler unha obra como aquela. Realmente, non poderían ler ningunha. As súas mentes eran condenadas ao ostracismo intelectual por ser consideradas de segunda. Non foi ata a metade do XIX que as mentes das rapazas empezaron a ser cultivadas, aínda que de forma bastante precaria. Daquela primeira fornada de mulleres cultas xurdiu unha primeira xeración de escritoras que falaban das flores, da melancolía e das penas do alma. Foron elas as que empezaron de forma silenciosa a revolución das mulleres. A xeración que a seguía, a xeración de Feíta Neira, contou entre as súas filas con mulleres moito máis valientes, que tiraron das flores, da alma e da tristeza infinita. Algunhas delas protagonizaron polémicas e movementos, deixando o seu nome escrito na historia para sempre. Un número considerable de mulleres, especialmente de escritoras, comezaron a sacudirse dos prexuizos dunha sociedade pacata e conservadora e decidiron buscar o seu propio lugar dende o que levar o timón das súas vidas. É a mulleres como as correspondentes de carne e oso da literaria Feíta ás que lle debemos moitos dos logros xa conseguidos. A veces a sociedade espántase de ver como as mulleres son tratadas noutras culturas, esquecendo que, aínda non fai tanto, aquí era un pecado social e case relixioso coller unha pluma e trazar unhas palabras con vocación literaria. Por iso, non deberiamos deixar esquecer xamais a memoria daquelas que nos abriron as portas. Raquel C. Pico es la ganadora del primer premio Dora Vázquez que convoca la Concejalía da Muller de Arteixo.