Asume algún problema na edición diste ano do salón e pensa xa no futuro
24 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Remata hoxe o salón do cómic, unha edición de Viñetas desde o Atlántico da que o seu director fai un «balance moi positivo, porque xa sabíamos que había moitos elementos que podían ser conflictivos, sobre todo para mover á xente, levala aos coloquios... Todo o que sexa dispersar datas e ubicación é terrible». De tódolos xeitos, a experiencia é positiva e Miguelanxo Prado xa pensa no futuro: «Para o ano que vén imos intentar poñer o salón no mesmo espazo pero dándolle un pouco máis tamaño ás casetas dos libreiros e dos editores». Tamén con visión de futuro fala do museo do cómic da cidade, da importancia do mesmo e do seu novo libro, do que xa ten escrito o guión e «sairá no 2010».
-¿A que se deberon os problemas deste ano?
-Temos que admitir que non soubemos poñer remedio a tempo a problemas de información ou señalización, pero non é o mesmo organizar un evento como este desde unha estrutura comercial que desde unha municipal, da que, por certo, nós estamos contentos. Por exemplo, queríamos poñer un gran arco de entrada a feira pero tíñamos que facer un concurso público debido ao seu presuposto.
-¿E a nova ubicación?
-Despois dos primeiros días, 44 dos 46 libreiros opinaban que era mellor ese espazo. E en canto a asistencia de xente foi a mesma de anos anteriores, unhas 70.000 persoas, e as cifras de vendas mantivéronse.
-¿E os contidos?
-O que máis me preocupa é a calidade e esa estivo fora de toda discusión, correspondeuse co que anunciaramos e demostrou a madurez do salón.
-¿Como vai o do museo?
-Sería o paso lóxico seguinte, tería toda a coherencia do mundo e estamos pensando a medio prazo. Daría forza a unha idea que ven desde a segunda edición de Viñetas de institutos de toda a provincia e de fóra que en agosto non poden vir a este salón. Un museo sería una boa ferramenta para exposicións, para actividades para todo o que funciona arredor do cómic. Para a cidade sería unha guindiña, ademais, agora mesmo está en marcha o de Barcelona polo que o museo do cómic da Coruña sería o primeiro ou o segundo de España.
-¿Habería fondos para el?
-Hai xeracións de autores que están traballando en banda deseñada, ilustración e animación e dentro de poucos anos empezaremos a ter unha cantidade de pezas de importancia que poden acabar perdidas ou diseminadas. Como coruñés de a pe eu creo que é un proxecto gañador e ten todas as bazas para ser útil para a cidade, ademais de ser unha atracción museística. Hai que traballar sobre un calendario a dous, tres ou seis anos.