Reivindica o traballo feito polos bailaríns e haille que apuntar o logro de recuperar as pandereteiras para o baile galego
09 feb 2009 . Actualizado a las 11:46 h.Quique Peón escolle as Bárbaras polas pedras e polo ambiente, que se lle asemella «moi galego», aínda que ao Colon débelle a estrea de moitas das propostas co grupo ao que leva vinculado desde o seus 14 anos, Xacarandaina, e o que dirixe desde que tiña 18. Os seus inicios no tema do folclore comezaron con clases de baile no Anxo da Garda, logo coa coral dos Gaiteriños e no 79 xa se apuntou a Xacarandaina. «Ao comezo, no grupo éramos cinco parelliñas, e facíamos o repertorio de coros e danzas, pero xurdiu a necesidade de amplialo e o primeiro lugar ao que fomos foi a Moldes, Melide, onde unha señora ensinounos uns pasos e vimos que nin a nomenclatura nin as coreografías cadraban, e démonos conta de que había un afastamento entre escenario e o folclore puro».
Di que a partires de aí entrou xente nova, o grupo comezou a gañar premios no programa Gente joven, da TVE, e a viaxar fóra e tamén recibir galardóns internacionais. Claro defensor do achegamento e a profesionalización dos grupos de folclore, explica que a súa especialidade «foi saber entender e trasladar ao escenario o tradicional sen desvirtualo, e que resulte», comenta.
«Démonos conta de que non só se bailaba con gaita, que a maioría das festas e foliadas do país se facían con pandeireta e fomos o primeiro grupo que introducimos as pandereteiras e despois xa me plantexei por que o folclore tradicional non podía competir cunha boa produción con outro tipo de espectáculo», comenta, e explica este defensor das propostas máis puristas que agora van polo sexto espectáculo.
Levan presentado Prestixio, centrado na Costa da Morte, desde hai dous anos e será a súa proposta para a edición deste ano do Festival Intercéltico de Lorient, dedicada a Galicia. Hoxe o grupo de Xacarandaina entre bailaríns, músicos e pandereteiras suman uns cincuenta, pero no 25.º aniversario desta formación máis de 300 persoas subiron ao escenario, nun espectáculo que Peón rememora como «moi emotivo».
Non quere entrar no tema das axudas, e di que o grupo mantense polas clases que dan e polos esforzos persoais. «O de Xacarandaina é un voluntariado cultural en toda regra», sentenza. Asegura que ao non estar profesionalizados deben cadrar as axendas particulares e os custos que iso ten impídelles asumir todas as peticións que lles fan para actuar. «Desde Turquía a México, pero é inviable ir para un grupo amateur», di, e ao mesmo tempo gábase de que «o grupo no estranxeiro pincha moito». «España asóciase ao de sempre, Andalucía, e nós somos novidosos, moi diferentes. Culturalmente somos outro país», aclara. Deixou de bailar para dar clases e ocuparse da xestión e as coreografías do grupo, pero da man de Marful volveu aos escenarios. «Estiven trece ou catorce anos sen bailar, pera Uxía Pedreira díxome de participar no seu espectáculo e foi un reto, facelo en solitario, sen parella...», asume con satisfacción. Tamén como un novo camiño comezou a súa relación co Centro Coreográfico Galego, da man do coreógrafo Roberto Oliván, que o convidou a participar nas súas propostas.
Sorrí se se lle pregunta pola súa irmá, Mercedes Peón, e desbota a imaxe de que el sexa o estudoso e ela a artista que triunfou. «A miña irmá investigou moito. Entrou comigo en Xacarandaina, pero xa apuntaba maneiras. Fixo moito de recollidas», lembra, e comenta que das persoas que viviron a tradición non quedan moitas, aínda que non se aventura a dar unha data para que esta práctica desapareza. «Os informantes van morrendo; isto é unha carreira contrarreloxo», sentenza.