A multinacional americana General Dynamics (GD) e os sindicatos CC.?OO. e UXT veñen de firmar un preacordo sobre o futuro da Fábrica de Armas da Coruña, que recolle un plan para os próximos tres anos. Non vou entrar na valoración deste acordo porque os sindicatos terán unha opinión máis autorizada, pero si quero opinar sobre a actitude que está a manter o Ministerio de Defensa sobre o posíbel traslado a outros terreos das actuais instalacións de Santa Bárbara-GD.
Hai oito meses Defensa comunicaba a unha representación sindical, a través do seu secretario de Estado, Constantino Méndez, que non estaban dispostos a financiar o posíbel traslado da factoría. Comparto esta actitude do Goberno porque non tería sentido que un propietario -dunha vivenda, por exemplo- teña que pagar ao inquilino a compra dunha nova vivenda cando remata o contrato de aluguer. Neste caso, corresponderíalle a GD facerse cargo dos custes dese traslado á parcela da Grela, que parece ser a máis indicada. Por outra parte, o Concello da Coruña ten uns intereses, que debe defender, porque tivo que mercar os terreos actuais -case 300.000 metros cadrados- antes da súa cesión a Defensa para construír a Fábrica de Armas.
O presidente do comité de empresa da Coruña arremetía contra Defensa, considerando o seu comportamento como patético e falto de compromiso co futuro, e desautorizando, politicamente, a Constantino Méndez. Conseguido o apoio do Concello, o comité de empresa non debería centrar os seus esforzos en presionar a Defensa para que ceda a GD parte das plusvalías xeradas pola venda dos terreos de Palavea, senón en lograr a unidade de todos os sindicatos -UXT, CIG e CC.?OO.- e a mobilización dos traballadores e da cidadanía para que se cumpra o aprobado por unanimidade no Parlamento galego no 2005: garantir a carga de traballo para todos os centros de traballo de Santa Bárbara e que GD cumpra as obrigas asumidas cando merca a fábrica no 2001, elaborar un plan industrial e os investimentos tecnolóxicos necesarios, así como unha aposta decidida pola diversificación da produción.
Falemos claro; General Dynamics leva tempo practicando unha política de chantaxe: primeiro di que non dispón de capacidade económica para construír a nova factoría -25 millóns de euros- e despois deixa caer a posibilidade de pechar as actuais instalacións e trasladar a produción fóra da Coruña. GD está en aluguer ata o 2011, que se pode prorrogar ata o 2016; todos estamos interesados, os traballadores os primeiros, en que se manteñan os postos de traballo, que a fábrica sexa competitiva e que quede na cidade, pero non se pode aceptar a chantaxe como método de negociación.
E, por último, coidadiño coas negociacións sindicais de carácter estatal; lembremos que, ás veces, uns acordos presentados como «solidarios» poden prexudicar gravemente os nosos intereses, como o peche no 2002 da Fábrica de Tabacos, coa firma en Madrid de CC.?OO. e UXT.