Un timo

Manuel Monge

A CORUÑA

07 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Non vou falar dos investimentos que os Orzamentos Xerais do Estado (OXE) recollen para A Coruña e comarca, amplamente difundidos nestas páxinas, nin da valoración dos mesmos, xa que se repite o mesmo discurso todos os anos: para o partido que goberna -sexa o PSOE o PP- «Madrid cumpre con creces», estamos ante «os mellores presupostos da historia para a cidade»; para a oposición as partidas son claramente insuficientes.

Quero centrarme na trampa de poñer nos OXE uns investimentos virtuais, que logo non se executan. Non é un truco; a cousa é moito máis grave, xa que estaríamos ante un auténtico timo, é dicir, un roubo con engano, que acada en Galicia centos de millóns todos os anos, como o demostra que desde o ano 2000 os gobernos de Aznar e Zapatero deixaron sen executar en Galicia máis de 2.000 millóns de euros; nos Presupostos para 2009 figuraba unha partida de 254 millóns para a liña de alta velocidade Lubián-Ourense, e non se investiu un euro.

Centrándonos na Coruña, os OXE levan catro anos consecutivos sinalando unhas cantidades para a liña de tren A Coruña-Ferrol, sen que se executase un euro; 15,5 millóns de euros para 2009 e agora anuncian 4 para 2010.

Para o acceso por tren ao porto exterior había 1 millón para 2009, que non se gastaron, e aparecen outra vez para 2010. Para o Museo Nacional da Ciencia e Tecnoloxía -?promesa de Zapatero en 2005- estaban previstos 1,8 millóns para 2008 e 2,5 millóns para 2009, que tampouco se gastaron. Para a rehabilitación da Fábrica de Tabacos aparece desde hai anos unha partida -?350.000 euros no proxecto de OXE para 2010- pero o edificio segue en ruínas. O Centro Oceanográfico tivo unha partida de 270.000 euros en 2006, 800.000 euros para 2007, 780.000 para o 2009, pero non temos noticias do inicio das obras.

O enlace da autopista AP-9 con Alvedro estivo nos presupostos dez anos; agora aparecen 500.000 euros nas contas da Xunta. Creo que no futuro deberíamos seguir o mesmo proceso de negociación que se fai en calquera convenio colectivo: antes de falar do que nos correspondería para o próximo ano, habería que reivindicar o que nos deben, é dicir, o que quedou sen investir.