O libro que hoxe presenta La Voz na Real Academia nun acto que xa forma parte das tradicionais celebracións do Día das Letras intégrase nunha colección que recolle unha coidada selección de textos de ou sobre os autores homenaxeados nos últimos anos. Con obras concretas, antoloxías, traballos sobre a súa especial relación con este xornal ou outros enfoques, os libros da colección acadaron miles de lectores que ratificaron o interese nas sucesivas edicións atendendo á calidade da oferta e a un prezo moi económico.
Desde Murguía e La Voz de Galicia ata O Amigo que lembramos, que o pasado ano recollía traballos de coetáneos de Ramón Piñeiro que glosaban a súa figura e obra, a colección inclúe Eladio Rodríguez. Breviario enciclopédico; Avilés de Taramancos. Homenaxe; Xaquín Lorenzo. De varia etnográfica; Lorenzo Varela. Memorias incompletas; Manuel Lugrís Freire. O compromiso; e Xosé María Álvarez Blázquez. Antoloxía.