Unha homenaxe ás orquestras e á música das verbenas. Así relata Rómulo Sanjurjo as razóns que levaron a uns rapaces de Monte Alto a autodenominarse como Os Diplomáticos. Vinte anos despois de que ofreceran un primeiro concerto que deu lugar a todo un movemento que levaba o nome do cheiro da carne fresca -bravú-, a banda reúnese para celebrar ese vixésimo aniversario, aínda que como sinala Rómulo co único obxectivo da «autodestrucción», posto que non teñen previsto continuar tocando.
Hoxe iniciarase a celebración diplomática coa proxección do documental A Coruña rabuña na Casa Museo Casares Quiroga. A obra foi dirixida en 1993 por Fran Pego, que rodou unha especie de crónica visual da cidade vista a través da música dos Diplomáticos. «Eu hai dez anos polo menos que non vexo ese documental, pero penso que será curioso recordar como era A Coruña naquel tempo», explica Rómulo.
Rock en galego
O concerto coruñés comezouse a fraguar tras ser chamado para actuar en Allariz. «Despois de que se soubo que tocabamos alí comezaron a chegar ofertas e ameazas -di entre risas- para que actuásemos en máis sitios, e decidimos facer o concerto na Coruña».
Esta volta tamén servirá para recordar a historia dunha banda que revitalizou o feito de cantar rock en galego. «Cando empezamos a actuar por Galicia, iamos encontrando outras bandas que tamén tocaban rock en galego, que tiñan a nosa mesma idea e os nosos mesmos gustos. De aí saíu un manifesto que pasaba pola utilización do galego no rock», sinala Rómulo. Ademais das continuas actuacións en directo, outra das rampas de lanzamento do bravú foi o programa da TVG Xabarín Club . «Tiveron a intelixencia de tratar os nenos como se fosen persoas. Fronte a política televisiva de espazos como o de Leticia Sabater, por exemplo», explica Rómulo.
Vinte anos despois, un dos fundadores dos Diplomáticos sinala, cando se lle pregunta polas aportacións da banda coruñesa que aínda permanecen na escena musical do país, que a normalización do idioma galego no rock sería unha delas. «Agora é un idioma cotidiano, pero nos noventa unha das preguntas clásicas era porque cantabamos en galego», afirma.
Antes do concerto, celebrarase a denominada Ruta da tralla , que sairá da rúa do Parque as 20.00 horas para logo dirixirse a catro Camiños e dalí trasladarse a sala O Túnel.