«Dicíanme que non debía denunciar ao meu agresor»

La Voz

A CORUÑA

28 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A última novela de Dan Brown preside a mesa do salón. Di que pasou por unha etapa na que devoraba libros de psicoloxía e as noticias relacionadas co maltrato coa esperanza de atopar unha explicación lóxica ao que lle sucedeu. Agora, en cambio, dedícase máis a pasalo ben, pero segue sendo unha lectora voraz, sobre todo, da actualidade.

-¿Que opina da muller maltratada que matou ao seu home cunha pesa?

-E que ás veces tes que chegar a eses extremos, ¿como non vas facelo para defenderte? Penso que o lle pasou foi a gota que colmou o vaso, seguro que sentía medo e que estaba desesperada.

-¿Merecía o cárcere?

-Non, para min foi defensa propia. Ás veces, xa non es ti mesma senón tamén os teus fillos. A min, o meu entorno dicíame que non debía denunciar ao meu agresor.

-¿Quen lle dicía iso?

-Familia, amigos, veciños, amizades... a xente en xeral. E este tipo de comentarios facíanme ir para atrás. Moitas veces non dás o paso e non denuncias por eses motivos. E cando xa te mentalizas que non tes culpa é cando empezas a saír do túnel no que estabas metida.

-¿E que opina de que o Goberno non lle dea a custodia dos fillos aos maltratadores?

-Iso xa debía ser desde sempre. Porque se unha persoa maltrata a súa muller, imaxínate eses rapaces o medo que teñen. O meu fillo, por exemplo, está indo a un psicólogo por medo a que a min me suceda algo. Iso xa tiña que facerse dende un principio.

-¿Pensa que vivimos nunha sociedade machista?

-Si, si. Ás veces as mulleres son máis machistas que os homes. Hoxe temos moitas liberdades, apoio social e económico... Todo iso é falso.