De entre máis de 600 participantes, a coruñesa Jane Joyd foi elixida como finalista do Proxecto Demo xunto aos zamoranos Little Boca e aos madrileños Cosmen Adelaida. Mañá coñecerase o fallo do xurado e o gañador será incluído no cartel do FIB 2011.
-¿Que supón estar na final do Proxecto Demo e ademais ser elixida polo xurado?
-Máis que nada é unha plataforma na que podo promocionar a miña música. Trátase dun certame moi coñecido a nivel nacional e supón un bo impulso saír elixido, gañes ou non.
-¿Que foi o que a animou a participar?
-Coñezo o concurso desde hai anos porque nel participaron grupos que me gustan, pero daquela aínda non tiña nada gravado. Cando gravei algúns temas, aproveitei e mandeinos para ver que pasaba.
-¿Que cre que ten Jane Joyd que non teñen os demais finalistas?
-Non son capaz de dicir en que son mellor que os outros grupos. Pode que a miña música lle guste á xente porque parece novidosa a nivel nacional. Tal vez sexa máis común no panorama internacional. É un estilo un pouco afastado, cunha mestura de pop e folk.
-¿Como comezou o proxecto Jane Joyd?
-Levo tocando en bandas toda a vida, pero sempre como intérprete, nunca como compositora. Aos 17 anos empecei coa guitarra a tocar as típicas versións que todos aprendemos ao principio, e pouco a pouco animeime a compoñer. Un bo día probei a ver o que saía, e saíu unha catarse musical.
-¿Cales son as túas influencias musicais?
-A min inflúeme todo. Unha película ou unha melodía pódenme levar a crear unha letra, pero non é algo que faga dun modo consciente. Unha vez rematado o tema podo dicir a que se parece. Escoito música acústica e folk americana, e imaxino que inevitablemente a miña música vai por aí.
-Gravou un disco con catro temas. ¿Qué a levou a elixilos?
-Era a miña primeira gravación e escollín os dous primeiros temas que compuxen e dous novos. Estou contenta coa elección polo significado que teñen cada un dos temas.
-Mañá mesmo coñecerase o fallo do xurado. ¿Que cre que pode pasar?
-Nunca esperei nada, e sigo sen esperalo. Saír elixida polo xurado de primeira é algo bo, pero hai que ter en conta que foi sobre o disco. Agora hai que defendelo en directo, e iso é algo máis difícil.
-Gañe ou non, ¿de que modo cre que o Proxecto Demo lle pode axudar na súa carreira?
-Trátase dun concurso con moita sona e a xente comenta que sempre sae algún tipo de oferta ou axuda para gravar un disco. Interésame a promoción, porque pase o que pase vou gravar o disco, sexa con axuda ou dun modo autoxestionado.
-¿Que tipo de disco ten en mente?
-Un disco pequeno, con oito temas como moito. Así é moito máis fácil darlle un sentido e espero facelo xa cun estilo máis definido.
Jane Joyd finalista do proxecto demo