Afirma que quere dar continuidade ao proxecto de José María Barja
23 jun 2011 . Actualizado a las 11:13 h.Despois de barallarse moitos nomes do actual equipo de goberno da Universidade da Coruña (UDC), o grupo Nova Luce presentou onte ao que será o seu candidato ao posto de reitor: Xosé Luís Armesto, vicerreitor de Profesorado as dúas últimas lexislaturas, ademais de doutor en Química e autor de numerosas publicacións. Afirma que quere seguir na mesma liña de traballo do seu antecesor no cargo, José María Barja, pero que estamos nunha época de cambio e de permanente adaptación.
-¿Desde cando tiña decidido ser candidato?
-Eu sempre tiven demostrado ao longo da miña vida que me gusta colaborar para mellorar a universidade no posto que sexa, e si podo facelo desde o posto máis alto é o mellor, porque desa forma podes influír e seguir levando a cabo a política universitaria que fixemos estes anos, respectando os principios de universidade pública, galega e de calidade, e favorecendo a transparencia, o diálogo e a participación.
-¿Qué queda por facer na UDC?
-Hai moitas cousas e todo é mellorable, sobre todo ante a cambiante situación na que nos atopamos coa adaptación ao espazo europeo, e as crises económicas... A universidade ten que ir adaptándose e cambiando. No espazo europeo eu creo que imos polo bo camiño; no financiamento temos un problema que resolver, porque seguimos sendo unha das universidades con menos diñeiro por alumno, e non tivemos éxito no plan de financiamento da Xunta.
-¿E que pasa coa residencia universitaria? ¿Como se pode resolver este problema?
-Digo o mesmo que dixo o reitor esta semana, e é un tema no que seguimos pelexando para ter unha residencia pública, que permita aos estudantes dispoñer dun aloxamento libre e accesible. De feito, calculáramos que custara uns 100 euros ao mes. Ademais, a residencia tamén ten que poder ser utilizada para toda serie de actividades, reunións ou charlas que organice a Universidade para dar unha maior vida ao campus. A residencia ten que dar servizo a toda a comunidade universitaria durante todo o ano.
-¿Chegarase pronto a unha solución?
-Nós temos un gran déficit na UDC con respecto a aloxamento universitario, pero temos a vantaxe de que esta é unha carreira de fondo, e temos retos a corto, medio e longo prazo. Estamos abertos a falar e a seguir coas conversas.
-Polo momento xa hai catro candidatos ao posto de reitor. ¿Que lle parece?
-Todo é bo, porque acaba un período e estamos en tempos cambiantes no que hai moito debate e reflexións, e todo o mundo é libre de presentarse e ten algo que aportar. Eu penso que que haxa varios candidatos é bo para a institución, e entre todas as propostas a comunidade universitaria elixirá cal é a mellor. Eu o valoro moi positivamente.
-¿Vese gañador?
-Eu véxome para defender o proxecto que xa vimos defendendo ao longo de todos estes anos, e se gañamos, mellor. Sempre hai que partir da base de que cando un se presenta é para gañar. Nós demostramos ao longo destes anos que fomentamos o entendemento, e tanto no Claustro como no Consello de Goberno, conseguimos que saíran adiante o 95 % das nosas propostas, porque propiciamos o diálogo e a participación, cunha postura aberta e flexible.
Xosé Luís armesto candidato a reitor polo grupo nova luce