Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«É un bo momento para repensar o efecto das tres universidades»

Ana Lorenzo Fernández
ANA LORENZO A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

CESAR QUIAN

Móstrase partidario da colaboración, pero cunha boa organización

12 ene 2014 . Actualizado a las 11:41 h.

Mañá se cumprirán dous anos dende que Xosé Luís Armesto (A Coruña, 1948) colleu o bastón de mando da Universidade da Coruña, unha institución na que anteriormente xa fora vicerreitor, e á que leva vinculado desde a súa orixe. Cree que non son os mellores tempos polos que pasa a entidade académica, e aínda que lle queda a metade do mandato «e dous anos son una eternidade, estou coa mesma ilusión que cando empecei».

-¿Que balance fai no ecuador do seu mandato?

-Foron dous anos intensos, difíciles, marcados, sobre todo, por disposicións legais estatais, como o decreto de taxas, ou o decreto de bolsas e con leis orzamentarias que impiden a reposición de efectivos, coa taxa de reposición do 10 %. Ese marco legal é o que condicionou en grande medida a actuación destes dous anos.

-Estes recortes se traduciron en descenso de alumnos.

-É difícil de saber, porque se dan varias circunstancias. É verdade que as taxas se conxelaron, que os requisitos académicos para a concesión de becas son máis esixentes, pero tamén por haber menos posibilidades de acceso ao mercado de traballo se incrementa o número de estudantes. Se comparamos as cifras de matrícula do ano pasado e as deste, está estabilizado en número globais.

-Falando de financiamento, ¿hai máis de catro anos que cada vez vai a menos?

-Levamos desde o 2011, desde que se empezou o plan de financiamento, no que teoricamente se conxelaban as achegas, pero na práctica foron diminuíndo, porque se rebaixou o capítulo 1 da masa salarial, os ingresos por matrícula... Na práctica, esa diminución por financiamento a pagan as familias co incremento das matrículas e os traballadores coa redución dos seus salarios. Pero nós reaccionamos a esta situación e creamos o fondo social, e convocamos unhas axudas de 100.000 euros para os alumnos que non consigan as becas da Xunta.

-O ano próximo remata o plan de financiamento da Xunta, ¿haberá cambios favorables á UDC?

-Haberá que negociar un novo plan de financiamento, haberá que buscar uns criterios que non sexan tan prexudiciais para a UDC como eran os anteriores, e tamén haberá que convencer á Xunta para que invista máis en educación superior, en investigación e innovación. Porque está comprobado que cada euro que se inviste en educación reverte en 2-2,5 euros.

-Acabamos de comezar o 2014, ¿como se presenta este ano? ¿Que novidades haberá?

-Eu penso que o máis inmediato será a posta en marcha dos edificios que xa están finalizados. O convenio marco que asinamos co Concello o mes pasado é un convenio ambicioso, non só por resolver o tema do IBI e dos accesos, senón que hai outras actuacións, e unha das primeiras é desbloquear o tema administrativo das licenzas dos edificios xa construídos (o anexo a Informática e Camiños e o CICA). No caso do Citeec, o proceso de contratación xa está en marcha e poderá estar finalizado no 2015.

-No plano académico, a Xunta presentou unha proposta para reducir grados en todos os campus, ¿como vai a negociación?

-Nós estamos abertos a estudar todas as posibilidades, e agora que se cumpren 25 anos da creación do sistema universitario galego, ao mellor é un bo momento para repensar os efectos da creación das universidades da Coruña e Vigo. Eu sempre digo que foi moi positivo o feito de aproximar os estudos superiores aos grandes centros de poboación e promover a igualdade de oportunidades. Fixo máis iso, que una grande política de bolsas que nunca houbo. Pero tivo uns efectos perversos nos tema da multiplicidade de titulacións, de non ter feito un mapa mellor planificado desde un centro único de decisión. É un bo momento de optimizar ese tema.

-¿Qué opcións hai?

-Nós vimos traballando na estrutura en árbore, con materias comúns da mesma rama do saber. O estamos facendo en Filoloxía, onde son común os dous primeiros anos das tres filoloxías. Outra posibilidade está nos grados interuniversitarios, que debe desenvolver o Consorcio das Universidades Galega, que sente as bases desa colaboración entre as tres universidades, algo que sempre defendemos.

-¿Tamén en Medicina?

-É cuestión de tempo. Hai que seguir insistindo. Isto é una carreira de fondo. Nós aceptamos que hai unha titulación única en Santiago, o que temos pendente é que os profesores do Chuac e do Chuvi que imparten docencia en Medicina pasen a depender da UDC e da UDV, e iso está moi preto de ser realidade este mesmo ano.