Berrogüetto apagou a súa luz na Coruña

Dolores Vázquez A CORUÑA

A CORUÑA

Dolores Vazquez

Cheo no Rosalía no concerto da xira de despedida do grupo

14 jun 2014 . Actualizado a las 16:51 h.

A Coruña foi o ecuador, esta noite, da xira de despedida de Berrogüetto. Houbo ovación no reencontro e tamén na despedida ao grupo nun concerto que se empeñaron que deixara arecendo de festa e non de funeral. Iso si, todo estivo impregnado de saudade, se cadra porque o cantante, Xabier Díaz, recoñeceu que repetía os pantalóns cos que se estrenou na Coruña coa «mellor banda de folk» como relevo de Guadi Galego. Ela foi a única, por motivos persoais, que non os acompaña nesta minixira na que incorporan a músicos que tocaron con eles no pasado e ata as pandereteiras de Cantigas e Agarimos.

Nun teatro Rosalía de Castro en que colgouse o non hai billetes, falouse do norte e o sur, sacaronse as bufandas do Dépor, do Celta e tamén da selección galega. Houbo chascarrillos co trilingüismo coruñés, sen esquecer «Vivir na Coruña que bonito é» e explicacións pouco reveladoras dos complexos títulos das súas pezas. Só comentaron para agrandar a súa lenda como banda singular que optaron por sacar camiseta agora que se van.

En febreiro e con 18 anos enriba dos escenarios e palcos, os berros anunciaron que o seu traballo conxunto tocaba ao seu fin. Deixan tras si cinco cedés de impecable factura, un libro-disco a modo de biografía e, segundo eles mesmos recoñecían, «un feixe de irrepetibles concertos». Anunciaron que se ían «cun sorriso, satisfeitos polo traballo realizado e polos obxectivos acadados» e tamén que habería un epílogo: unha xira de cinco concertos a modo de despedida baixo o esperanzador título «Unha luz que non se apaga». Para quen perdera a oportunidade de escoitalos aínda pode ver a Berrogüetto o día 20 en Lugo ou na súa despedida, todo apunta que definitiva, no García Barbón o día 29.

Na postal que deixaron aos seus seareiros nas butacas, Fernando Neira desvelaba que deixan un disco inédito, «Desolasóns», pero eles o máis que prometeron facer onte, subidos ao escenario do Rosalía, foi unha xira aos 70 como os Rolling.