«Penso que a canción de autor de hai setenta anos xa era pop, daquel tempo, pero pop»

Javier Becerra
javier becerra A CORUÑA

A CORUÑA

x.c. gil

A que fora vocalista de Berrogüetto, ten un novo disco. Nel mestura melancolía e lentitude dun xeito local pero universal

06 mar 2017 . Actualizado a las 13:34 h.

En O mundo está parado Guadi Galego pretende botar o freo de man e deterse na parsimonia, case como un acto de resistencia a estes tempos vertixinosos. Mañán martes 7 o presenta no Teatro Rosalía (20.30 horas, con entradas desde 5,20 euros).

-Semella que este disco é o seu asentamento definitivo no pop. ¿Cando tivo a chamada?

-Eu son das que penso que a música popular, tal e como eu a entendo, está moito mais achegada ao pop do que pensamos. A canción de autor de hai setenta anos era pop, daquel momento, pero era pop. Así que ven de aí.

-Escoitando o disco, non me parece moi afastado de propostas do pop británico como Coldplay. ¿Concorda?

-Pode ser. O traballo vai nesa liña. Buscando unha sonoridade mais universal, era o que estaba buscando. Se cadra sen enmarcala nun xénero moi determinado.

-¿Hai un paso adiante nos arranxos?

-Conceptualmente é mais denso. As letras son un pouco mais cerebrais e a música acompaña a ese concepto. Pero non creo que sexa moi complexo.

-Nalgunha ocasión falaba do desexo de que a xente se achegase ao galego cantado con naturalidade. ¿Nota iso dende fora de Galicia con este novo son, pero cantando en galego

-Non, limita mais fora que o anterior. Coa música tradicional tes un selo de identidade que vai mais aló da lingua. É moito mais doado para saír fora e vender algo como distinto. Neste caso vendes algo mais común, pero cantando ningunha lingua minoritaria dentro do Estado. Como o ven? A verdade é que non teño nin idea. Se cadra aínda terán que visualizarnos.

-Nos últimos anos hai unha tendencia no pop independente a cantar en galego, tendo repercusión fóra.

-¿Ti cres? ¿Moito?

-Por exemplo, o disco do ano da revista «Rockdelux» foi para Malandrómeda, que cantan en galego. E artistas como Emilio José teñen sona fóra.

-Si, é certo, pero nun nivel moi minoritario. Teño claro que iso non significa non estar aceptado e recoñecido, pero non se traduce en cifras. E sobre todo non se ve reflectido en que se vexa con normalidade cantar nesta lingua para o resto do Estado. Que non se vexa como algo raro e que todo o mundo entende que ten que ser de minorías.

-Homenaxea no disco a Cedeira Por que?

-É o meu pobo, pero non no sentido físico, senón como é a filosofía dun pobo do norte, no que eu nazo. Fago un pouco unha oda a pluralidade do meu pobo, a xente distinta e a diversidade. Iso lle fai ter unha idiosincrasia. Quero manifestarme e ter un sentimento chauvinista [risas]. Os norteños temos un rirmo distinto e un xeito particular. Somos especiais.