José Suárez regresa a Oriente

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

A CORUÑA

jose suarez

Abre en Toquio unha mostra do fotógrafo galego coa súa serie sobre Xapón

19 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1953 José Suárez levaba vivindo no exilio latinoamericano -primeiro en Arxentina e despois en Uruguai- dabondo como para precisar un cambio. Atopábase canso. E o fotógrafo galego procurou esa nova xeira vital ollando a Oriente: «Necesito un período de paz, de sosego, de tranquilidade espiritual e de cambio de ambiente e vou ver se no Oriente atopo esa paz e ese acougo, esa dozura, esa penetración, diriamos, budista». Ese lugar elixido foi Xapón.

A estadía prolongaríase arredor de dous anos, un tempo no que Suárez empregou a súa profesión como unha vía dobre: a través da imaxe internouse no miolo da cultura xaponesa, que á súa vez reflectiu con notable sensibilidade coa súa cámara. Da impresión que lle causou o contacto co país dan fe as súas anotacións e textos -entre os que destacan os artigos sobre o teatro Noh, como o que publicou en 1967 en Grial-, así como as fotografías que amosaría en mostras e conferencias.

Son estas imaxes as que agora emprenderon o camiño de volta coa apertura onte no Instituto Cervantes en Toquio da exposición José Suárez. Uns ollos vivos que pensan, comisariada por Xosé Luís Suárez Canal e Manuel Sendón, e que dende a súa primeira instalación no 2015 na Cidade da Cultura, percorreu Madrid, Bos Aires, Montevideo e París; despois da súa etapa nipona visitará Nova Deli.

Segundo os comisarios da mostra, en Xapón Suárez chegará a practicar unha fotografía diferente, afastada das imaxes máis elaboradas que fixera ata entón e máis próximas ao estilo de fotoxornalismo das revistas ilustradas que tiñan a Cartier- Bresson como principal expoñente. O fotógrafo nacido en Allariz recolle escenas rituais nos templos, a práctica do judo, representacións teatrais e elementos rechamantes, dende os xardíns zen aos parasoles de papel. Unha excepción a este documentalismo máis espontáneo son os retratos humanos, nos que Suárez regresa ao gusto por unha estética máis traballada e preparada de antemán. Destacan tamén as súas series en cor sobre as mulleres mergulladoras á procura de perlas.

Testemuñan tamén o grao do seu coñecemento da cultura xaponesa a súa relación e amizade co cineasta Akira Kurosawa e a conexión que estableceu Suárez coa filosofía xaponesa da natureza, unha «comuñón inmediata coa paisaxe» coa que se identificou fondamente. Tanto, que cando chegou o momento da despedida do país, decidiu que o mellor xeito de honralo era peregrinar ao monte Fuji. Que, claro está, fotografou.