«Cada esforzo feito na casa son ingresos para o Concello e para toda a cidade»

X.;G. A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

María García é concelleira de Medio Ambiente. Explica que dende o 2011 a recuperación de envases sube «de xeito constante».

-Que importancia ten iso?

-Son a parte máis valiosa dos residuos que xeramos. No 2016 a recuperación de envases supuxo uns ingresos de 7,8 millóns de euros que se repartiron entre Albada (a empresa xestora de Nostián), o Concello e o Consorcio As Mariñas.

-Agora prevese un descenso...

-Si, pola firma do novo convenio por parte da Xunta. É un descenso que nos afecta a todos por igual, e que no caso da Coruña suporá que deixemos de ingresar 1,2 millóns de euros ao ano.

-Cartos aparte, considera que as cifras de reciclaxe son boas?

-Ecoembes recupera unha media de 28 quilos de envases ao ano en todo o país. Aquí recuperamos 43,94 quilos por habitante no Consorcio e no Concello. E só na Coruña son 46,74 quilos. Son cifras moi boas, produto das melloras na planta e na separación en casa dos residuos.

-Pódese mellorar?

-Sempre se pode mellorar. A separación en casa e boa, pero pode ser mellor. Imos pola quinta campaña para a separación en orixe e o uso correcto dos contedores. Temos que transmitir que calquera esforzo na casa son ingresos para todo o concello e para toda a cidadanía.