«Para os que non somos moi guapos o humor é cousa de supervivencia»

FErnando Molezún A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

MARCOS MÍGUEZ

O humorista Pedro Brandariz abriu hai un mes unha librería especializada en libros para nenos

05 dic 2017 . Actualizado a las 08:03 h.

Que Pedro Brandariz é alguén especial é algo que salta á vista. Se un acude a un dos seus espectáculos non ha de tardar máis de dous minutos en caer irremediablemente na súa rede de encantos. Igual dá se es neno, adulto ou xubilado, xa es para sempre do club deste home que ten firmado un pacto con alguén polo cal non envellece. Nin por fóra nin por dentro. Acaba de abrir A Carapuchiña Feroz, unha librería na rúa Fanny Garrido, chea de libros para nenos. É que Brandariz sempre tivo moito conto.

-De ónde ven a idea de montar unha librería?

-Era unha ilusión que sempre tiven presente, desde que era pequeno. Pero despois a vida vaite levando por outros camiños, estudei para mestre e rematei dedicándome a isto do humor. Pero xurdiu a posibilidade de montar por fin a librería e alí fun.

-E por que precisamente unha librería especializada en literatura infantil?

-De entrada porque cada vez lese menos e véndense menos libros. Pero dentro diso os que máis se venden son os dirixidos ao público infantil. Ademais, son os libros máis bonitos, e o digo desde a miña perspectiva de adulto: son unha gozada. As edicións actuais dos libros para nenos, con esas ilustracións e un deseño tan coidado, son unha marabilla. E neses libros atopas historias boísimas, cho digo eu que non paro de buscar novas cousas que contar. Son tan bonitos, que a xente que pasa por diante do noso escaparate queda embobada mirando. Aínda que sexa xente que probablemente non lea.

-Pero vostede é consciente de que as librerías non están a pasar polo seu mellor momento. Din que estamos nun país que non le...

-Si que é unha idea moi utópica, ben que o sei. Hoxe en día vender libros e algo moi complicado. Pero é que ademais queremos crear un espazo que vaia máis aló do que é unha librería convencional, un lugar onde podan vir as familias e atopar todas as fins de semana distintas cousiñas, ben un contacontos, ou unha presentación dun libro... Algo que dinamice un pouco a cousa cultural para os nenos pola zona. Por exemplo, xa temos uns obradoiros de divulgación científica que organizamos xunto á xente da asociación UDC Big Band.

-Por se non fose traballo de abondo o da librería, métenlle un teatro dentro.

-Levamos un mes abertos e xa desde o primeiro momento tiñamos claro que había que facer algo máis, primeiro para darnos a coñecer, e despois para ter algo vivo, que fose máis alá de vender libros. Aínda que todo ten un interese comercial, claro: canta máis xente veña a unha actividade, máis posibilidades temos de vender un libro. Hoxe comprar un libro é moi fácil, vas a Internet e alí o tes. O complicado é facer que veñan a túa tenda a mercalo, por iso hai que diferenciarse e ofrecer algo máis. Eu, por dedicarme a tantas cousas á vez, non podo estar de libreiro todo o día, pero si que estarei actuando, cando menos, unha vez ao mes.

-E cómo leva facer un contacontos o sábado para os pequenos e o martes subirse ao escenario do BâBâ Bar a improvisar diante dunha audiencia que está tomando cervexas?

-Iso é o marabilloso desta profesión, facer cousas tan diferentes ante públicos tan diversos. É que senón me aburro.

-Como se meteu vostede na cousa esta de facer rir?

-Creo que xa foi desde neno. O humor non é máis que unha estratexia. Os que non somos moi agraciados fisicamente temos que buscar outros recursos, é cousa de supervivencia. E ademais resultou que se me daba ben isto de facer rir. Empecei co clown, despois cos monólogos, máis tarde descubrín o teatro, a improvisación... O fundamental e non parar nin estancarse nunha cousa. Levo vinte anos así, e polo de agora a cousa funciona.

Un libro para o Nadal. Ninguén mellor que Pedro Brandariz para recomendar un libro para nenos: «Agora que ven o Nadal hai que recuperar a figura do Apalpador, e Xoán González ten un libro fantástico deste personaxe que agasallaba aos nenos no Courel por estas datas», recomenda este cómico metido a libreiro.

«Son moi tímido, aínda que non teña problema en poñerme ante cen persoas nun teatro»

O Pedro Brandariz libreiro entende a súa profesión como unha grande responsabilidade.

-Ten nas súas mans facer que as próximas xeracións lean.

-É unha responsabilidade enorme. E son moi esixentes. Cando fas un contacontos e algún dos nenos xa se coñece o conto... Nin se che ocorra facer algún cambio na historia! Saltan axiña a cantarte as corenta.

-Aparte da librería ten feito moitos espectáculos dirixidos ao público infantil.

-Sempre me gustou moito o mundo infantil, por iso estudei para mestre, aínda que, ao final, cando tiña que facer a oposición tanta dedicación botoume para atrás. Realmente todo é o mesmo, comunicar. Neste caso, comunicarse con persoas pequenas. Iso é o que é para min o teatro e o humor, un xeito de comunicarme coa xente, algo moi complexo para alguén tan tímido coma min.

-Tímido?

-Moito. Sei que pode parecer o contrario, pero é que a timidez ten moitas dimensións. Non teño problema ningún en poñerme ante cen persoas nun teatro, pero noutros ámbitos máis cotiás... Non sei, cada un sabe como levar a súa timidez.

-E cal é o segredo para manter a atención dun neno? Non é cousa doada...

-O fundamental é escoitalos, porque sempre queremos transmitirlles unha serie de cousas e do xeito máis rápido e eficaz. Pero hai que pararse, non ter presa. E, sobre todo, falarlles coa verdade. Non ir con grandes pretensións, senón só coa intención de pasalo ben con eles.

-Xa postos, dígame que libro me levo para as miñas fillas.

-¡Pódoche recomendar os que queiras! Proba con Os libros dos porcos. Apréndese moito sobre a igualdade dun xeito divertido.