Monte Pindo

A CORUÑA

27 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai ben anos descubrín o Monte Pindo a través de diferentes referencias literarias; grazas a elas achegueime a coñecelo in situ, e esa primeira visión foi impactante para min por diferentes motivos. O primeiro deles, por ver tal cantidade de pedra descuberta; o segundo, pola cor rosada desa pedra que non cadraba coa miña idea do granito; e o terceiro, polos 627 metros que se levantan á beiriña do mar como unha grande parede. Cando estiven aquela primeira vez non había moito tempo que ardera e esa era a imaxe negativa: coas árbores queimadas daba unha triste sensación, pero, con todo, a maxestosidade e a beleza seguían presentes e amosándose con forza. O Pai Sarmiento comparou este monte co seu homónimo grego e don Ramón Otero Pedrayo, moito despois, alcumouno co nome de «Olimpo Celta». O Pindo está inzado de lendas, historias, personaxes e vieiros de vivos e do alén, converténdoo en máxico e misterioso, máis aínda polo inescrutable que resulta o seu acceso. Eu teño subido ata A Moa, o punto máis alto do monte, e recoñezo que é unha experiencia impresionante pola agreste beleza da paisaxe, pola dureza da subida e polo silencio, só alterado polos propios ruídos da natureza. É un gran museo de pedra ao ar libre onde se poden ver milleiros de formas caprichosamente conformadas co paso do tempo. En cada tramo hai unha lenda ou unha historia, e cada unha delas forma parte dun patrimonio inmaterial fantástico e único que debería ser protexido e mimado, porque aí esta o gran tesouro. Mesmamente dende o punto de vista do seu ecosistema, pola cantidade de especies endémicas, e por suposto dende o xeolóxico, pola súa singularidade. Non sei a que están esperando as distintas Administracións para protexelo como se debe.