Francisco Jorquera (BNG): «Se o PSOE prefire un goberno co BNG, dependerá das condicións»

Xosé Vázquez Gago
X. Gago A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

CESAR QUIAN

O concelleiro electo asegura que «o BNG non vai ser obstáculo para que a maioría progresista teña o seu reflexo na confirguración do goberno»

29 may 2019 . Actualizado a las 17:30 h.

Francisco Jorquera (Ferrol, 1961) é o candidato do BNG á alcaldía. O domingo duplicou a representación do Bloque, ata acadar os dous concelleiros.

 -Como valora os resultados?

-Hoxe estou máis satisfeito que na noite electoral. Subir en votos e concelleiros é valioso, aínda que non oculto que o noso obxectivo era ter un incremento maior, por iso o meu sentimento era agridoce. Na Coruña partiamos dunha debilidade, pois ao ter unha soa concelleira os votantes non nos vían como opción para disputar a alcaldía, e a dialéctica tan forte entre o PSOE e a Marea Atlántica reduciunos o espazo pese a facermos unha boa campaña. É sintomático que o BNG obtivo un gran resultado nas europeas, polo gran labor de Ana Miranda no Parlamento Europeo, e porque parte dos votantes compensaron non votar ao BNG nas locais por esa dialéctica. Os resultados reforzan ao BNG, que avanza e ten moita máis marxe para avanzar ata os 12.000 votos das europeas, e anuncian un cambio de ciclo.

-Xa antes da campaña falou da posibilidade de facer un goberno de cambio. Como organizalo cos resultados que saíron?

-O BNG é partidario do diálogo de todas as forzas, pero non propiciará gobernos de dereitas. Non vai ser obstáculo para que a maioría progresista teña o seu reflexo na configuración do goberno, pero a fórmula diraa o tempo. O PSOE é a forza máis votada e correspóndelle tomar a iniciativa e esclarecer qué fórmula quere para formar o goberno.

-O PSOE deslizou que os ve como posibles aliados. Xa falaron?

-Tiven unha conversa o domingo con Inés Rey para felicitala. Hoxe [por onte] tivemos unha conversa telefónica na que quedamos emprazados para ter unha reunión esta semana, pero non entramos no tema concreto. Antes de anticipar valoracións quero escoitala.

-Entón, non está descartada ningunha opción polo momento.

-Non, pero hai datos obxectivos: o BNG e o PSOE non suman. Os cidadáns confiaron ao BNG un papel de oposición, e se somos oposición ímolo facer coma sempre, sen poñer paus nas rodas. Se o PSOE prefire unha fórmula de goberno co BNG, a nosa decisión dependerá das condicións. Non falo de postos. Nun hipotético goberno entre unha forza de nove concelleiros e outra de dous a achega da forza de dous ten que ter unha visibilidade clara, porque o BNG non ten vontade de ser muleta de ningunha forza, e que haxa consenso programático e garantías de que se vai cumprir.

-A Marea foi moi crítica co PSOE e o BNG en campaña. Pode dificultar iso a formación do goberno?

-Eu non podo falar por outras forzas. Nós fixemos unha campaña en positivo porque a confrontación continua supón poñer campos de minas nun escenario que vai precisar de diálogo.

-En todo caso, a Marea restaurou as pontes con vostedes dende entón?

-A forza que ostenta a alcaldía ten moitas ferramentas para intentar procurar adhesións á súa acción. Da capacidade de relación que, incluso con desgaste importante, sempre se retén algo de apoio. Moitos cidadáns moi críticos pensaron: merecen catro anos máis a ver se dan feito o que non fixeron nestes anos.

-Entende que as perdas poden ser maiores no futuro?

-Non quero exercer de adiviño, pero os datos indican que o nucleado arredor das mareas municipalistas está entrando en proceso de descomposición, e penso que lles vai resultar difícil frealo. A sociedade volve reclamar forzas políticas sólidas e solventes, e esa experiencia [das mareas] estase diluíndo coma unha pedra de azucre nunha cunca de café.