O artista nado en Ares inaugurou unha exposición na Casa Museo Casares Quiroga
16 sep 2019 . Actualizado a las 13:31 h.Antonio Seijas só precisa cantar para converterse no artista total. Dálle a todo e, o que ten aínda máis mérito, é que o fai con fortuna. Este ano sacou a súa novela O solo da serpe; no verán presentou en Viñetas desde o Atlántico A Chaira, cómic que supón o debut editorial da librería Alita Cómics. E a semana pasada inaugurou na Casa Museo Casares Quiroga a exposición Silencio na Luz, que pode visitarse ata o 6 de outubro.
-Curioso título para unha exposición pictórica.
-Non me gusta moito explicar de qué van estas cousas, porque penso que a arte hai que sentila. Da igual o que eu che comente, que diga que é unha exposición alegre se despois a ti che fai sentir melancolía. Pero neste caso trátase do ambiente que crea a luz, que é a protagonista da mostra, por así dicilo.
-E ven de presentar fai nada o seu cómic A Chaira, o debut de Alita como editorial. Unha obra moi intensa e persoal na narrativa e tamén no plano gráfico.
-A cousa empezou hai dous anos, cando a tenda cumpriu 15 anos e para o aniversario pensamos en sacar algo. Eu comenteille a Juan Carlos San Miguel, o propietario de Alita, que tiña esta obra gardada, pero foi pasando o tempo ata este ano. Esta historia a teño dende o 2010, despois da miña primeira obra, Un home feliz, e antes de La Luz. E si, é algo moi persoal porque é cando fago banda deseñada cando fago realmente o que quero, cando me sinto máis libre. O resto do tempo o pasas facendo encargas para portadas de libros e discos, e alí vas facendo segundo teu estilo, pero non deixa de ser un complemento para que o disco doutra persoa teña máis personalidade. Sempre dependendo da música do disco ou do texto do libro. Por iso todos os meus cómics son escuros e teñen en común iso de que unha vez se remata de ler hai que darlle unha segunda lectura. Gústame deixarlle cousas escondidas ao lector nas miñas historias.
-Defínese entón, en primeiro lugar, como autor de cómic?
-Non, véxome máis coma un artista que ás veces pinta, ás veces fai cómic e outras escribe. Todo dependendo do que queira contar en cada momento e do xeito que atope mellor para plasmalo. Depende do día e da idea que teña na cabeza. Síntome moi cómodo na banda deseñada, pero este ano descubrín que tamén estou cómodo escribindo novela con O solo da serpe (Galaxia). Canto máis persoal é o proxecto ou canta máis liberdade me dan, máis cómodo me sinto.
-E consegue manter unha coherencia artística e un estilo propio con tantas frontes abertas?
-Varío moito o estilo e as técnicas a medida que o vai pedindo a historia que quero contar. Pero teño a sorte de que faga o que faga dinme que é sempre recoñecible, que sexa máis abstracta ou máis figurativa, nótase que é miña. Neste caso, en A Chaira, é todo feito a ordenador, pero para conseguir algunhas texturas utilizo fotografía.
-Pois o resultado é moi orgánico para ser dixital.
-E que iso é o que me gusta. Vexo moitos cómics no que a cor está usada simplemente como recheo das figuras. É algo moi frío e mecánico, e paréceme que desaproveita as posibilidades que da a cor para crear ambientes e atmosferas. Por exemplo, neste cómic a diferenza de cor sinala diferentes espazos temporais.
Cómic con banda sonora.
Cómic con banda sonora. No cómic de A Chaira o autor recomenda a súa lectura mentres se escoita Darkest dremanig, unha escura canción de David Sylvian: «Cando fago un cómic necesito meterme nun estado mental que me leve a outro lugar, neste caso á chaira onde están os protagonistas. E para iso axúdame moito a música. A atmosfera que quería representar no cómic é a mesma que a desa canción», explica Seijas.
«Cando Lynch me fixo caso pensei que tan mal non o estaría facendo»
Entre as numerosas encargas artísticas que ten feito Antonio Seijas hai unha que supuxo un fito especial na súa carreira, polo menos dende a perspectiva do fan do cine que, segundo recoñece, tamén é o artista.
-Encargáronlle o deseño do logo da Fundación David Lynch.
-E unha das cousas que me fan sentir máis orgulloso, porque é o meu director favorito. Foi fantástico. Chegaban mails con indicacións, con palabras do propio Lynch. Entre isto e facerlle a portada ao grupo de rock progresivo Marillion, que tamén é o meu grupo favorito, pensei que xa cumprira. Fíxome sentir realizado. Ao fin e ao cabo era chegar ata a xente que admiras. Pensaba que se esa xente me facía caso é que tan mal non o estaba a facer.
-Cómo chegou a ter contacto co director de cine David Lynch?
-Foi a través da filla de Donovan, o cantautor dos sesenta. É cantante tamén e fíxenlle unhas ilustracións. Resulta que o seu marido traballaba para a Fundación David Lynch, e cando precisaron os logos lembrouse de min. Pero o mellor foi cando chegou no Nadal a tarxeta de felicitación da fundación co logo feito por min. Fíxome moitísima ilusión.
-Ten traballado para David Lynch e para Marillion, entre outros, e sen saír de aquí.
-Iso o teño escoitado varias veces. «Como fas para dar con esta xente sen saír de Ares?» O de Marillion foi porque eu era moi fan do grupo e eles son xente moi humilde e próxima. O seu deseñador habitual estaba traballando en Xapón cando chegou a hora de publicar este disco, e fixeron un cásting entre artistas que coñecían. Pero cando lles mandei as miñas probas dixéronme que o tiña que facer eu todo. Invitáronme ao estudio de gravación para falar do tema e foi algo fantástico tamén.