A súa imaxe conquistou as redes. Os veciños póñenlle música para que baile
12 abr 2020 . Actualizado a las 23:41 h.Ela é un deses heroes anónimos que están a xurdir nesta tolemia de pandemia. Xente que, cun pequeno xesto, fai moito para subir a moral á tropa. Como a repartidora que escribiu «Ánimo» na primeira páxina do xornal antes de deixalo na porta da casa do lector ou o matrimonio do Ventorrillo que prestou a súa bici estática a un veciño de Elviña diabético e hipertenso. Javier escoitou o caso en Radio Voz dende a súa furgoneta e ofreceuse a levala. Pero o de Ana Ramos López (A Laracha, 1974) non vai de escribir palabras de ánimo nin de prestar cousas, senón de bailar. Bailar, simplemente, unha muiñeira.
-Por que o fai?
-Para aledar aos veciños un pouco. E agora eles estanme a transmitir o seu agradecemento e iso é bonito.
-E quere sácalles un sorriso.
-É por iso. Estamos todos encerrados e así pasamos un momento divertido. Pero eu estas tonterías fágoas sempre! Para min era unha cousa normal, se me viran nalgunha... Pero agora, véñenme felicitar e pedirme fotos. Disque son famosa, ha, ha!
-Faino de camiño ó traballo.
-Si, eu son limpadora no Hospital Marítimo de Oza. Vou da Laracha, onde vivo, á Coruña.
-Como se lle deu por empezar?
-Isto foi que un día saín da casa e estaban tocando unha muiñeira durante os aplausos aos sanitarios. E eu púxenme a bailar!
-Así que acabaron aplaudíndoa a vostede, non si?
-Así foi! [Risas] Empezaron a aplaudirme a min e empezou todo isto! Agora xa están esperando a que saia [máis risas].
-Algún veciño gravouna, subiu a súa imaxe ás redes sociais e fíxose popular.
-Si, saín nas televisións e nos vídeos que andan polo WhatsApp.
-Deduzo que o seu horario para traballar é a última hora da tarde.
-Eu baixo de casa sobre ás nove, pero aínda están todos na fiestra. O domingo pasado, por exemplo, había moitísima xente. E que cada vez saen máis persoas! Primeiro foros os nenos e agora xa todos...
-Vostede reside na Laracha e traballa na Coruña. Non irá bailando todo o tempo...
-Non oh! Que son trinta quilómetros! Eu bailo na miña rúa, na Laracha, antes de marchar para traballar. Serán cen metros ou algún máis. E báilolles dun lado ao outro. Despois xa collo o coche e xa marcho para A Coruña. Cando paso por Arteixo, pítolle á miña nai, que levo case un mes e medio sen vela. Ando cunha bandeiriña na fiestra.
-Segundo os vídeos que hai polas redes [Se teñen Twitter, revisen a conta de @catandy_eff] o de bailar dáselle moi ben!
-Eu son moi festeira, a verdade que si. Gústame animar á xente. Bailo muiñeiras pola rúa para contaxiar felicidade.
-E no hospital tamén? Porque aí tamén precisan moitos folgos.
-Si, no hospital tamén fago o mesmo. Ao mellor temos unha noite complicada e ás veces derrúbome tamén eh... Pero aínda así, intentamos animarnos todos. O outro día foi unha pasada, unhas risas...
-A conta súa, seguro.
-Si, a verdade, co conto este, porque grazas a estas cousas podemos desconectar un pouco e botar unhas risas.
-Entón vostede fai a quenda da noite, non?
-Si, e gústame moito a quenda de noite. Eu estou eventual, eh, estou cubrindo unha baixa. Antes estiven no Abente e Lago, tamén, traballando.
-Cambiou moito o seu traballo dende que empezou a crise do coronavirus?
-Non, nós temos traballo sempre e xa houbo outros virus. E virus moi fortes, eh, coidado! Que pasa? Que este é moi contaxioso e temos moito medo, porque algo así nunca se viu.
-Como é a súa protección persoal no traballo?
-Se estamos fóra das habitacións levamos máscaras e batas, pero para entrar nos cuartos si que hai que poñer os EPIs: gafas, luvas, gorro, calzas, máscara... Aí xa pos todo. E logo hai que tirar todo o material nun cubo antes de saír da habitación. O protocolo máximo.
Mes e medio sen ver a familia.
Festeira: As súas amigas xa saben que Ana é así, «sempre facendo tonterías para animar á xente».
Mes e medio sen ver a familia. Cando Ana pasa por diante da casa da súa nai en Arteixo, non baila porque vai no coche, pero pítalle e sempre saca unha bandeiriña pola xanela.
«Onte había tanta xente agardando que din un rodeo e volvín pasar!»
As deplorables condutas discriminatorias cos sanitarios por medo ao contaxio non entran na cabeza desta simpática limpadora de hospital.
-Notou iso con vostede?
-Non, para nada. Todo o contrario. Son eu a que se pechou na casa dende o principio. Coa miña nai, antes disto, xa estaba moi preocupada. Que ao mellor xa o pasamos eh! Son das que di que igual xa somos inmunes.
-Non a miran distinto por traballar nun hospital.
-Non, ao contrario! Están desexando que baixe á rúa!
-Algunha salsa xa lle vin bailar neses vídeos que andan polas redes sociais con vostede a todo trapo na rúa. É máis de Marc Anthony ou da muiñeira de Chantada?
-Eu son de muiñeira. Son de bailar á miña maneira, ao tolo. Teño unha amiga que sabe bachata e diso e agora ensíname. De feito, no segundo vídeo que tivo tanto éxito, eu bailar bailar... Aí non estaba bailando! Por favor, que parezo Mortadelo! [Risas] Vanme chamar Torrente!
-Xa fixo famosa a rúa pola que baila tamén. Cómo se chama?
-A rúa chámase José Manuel Ferreira Penedo. Está preto do centro médico. Eu tamén saio a aplaudir á fiestra, pero agora xa o saben. Un día si, un día non, saio para o traballo e bailo. Logo tamén xa lles pito co coche cando marcho. Onte había tanta xente agardando que aínda din unha volta de rodeo e volvín pasar e pitar. [Risas]
-E cando chega a casa, que? Como leva o confinamento?
-A ver, como todos. Eu fixen unha compra grande antes de que empezara todo isto e, claro, esta semana xa non saín para nada. De feito quería empezar a facer pan, para non ter que saír a por el. Amigas miñas xa están con iso. Temos tempo, non?