Manuel Mandianes, antropólogo: «Cando pechaba unha casa morría un lume»

A CORUÑA

Santi M. Amil

Considera que as lareiras eran o centro das casas

08 dic 2020 . Actualizado a las 12:00 h.

«Morreu un lume». Eduardo Galego escribiu nun dos seus artigos sobre esta expresión recollida por Manuel Mandianes na súa terra, A Limia. «Morreu un lume era o que se dicía cando pechaba unha casa, cando deixaba de vivir xente nela. Iso simboliza a importancia do lume da lareira que era un dos centros do mundo para os galegos». Isto explica Manuel Mandianes Castro (Loureses, Os Blancos, 1942), doutor en Etnografía e Antropoloxía [tamén en Ciencias Sociais e Socioloxía, en Teoloxía e investigador do Consello Superior de Investigacións Científicas].

-Cales eran os outros centros do mundo dos galegos?

-Os cruceiros, ata despois de mortos porque alí se rezaba un responso, e os cemiterios. Na casa o centro era a lareira, superior a calquera outro. Ese lume era a unidade da casa, tamén dos ausentes que viñan, e iso sabíase porque movíanse as chamas sen que ninguén as tocara nin fixera aire.

-Vostede salienta o papel da muller nesa sociedade...

-Ela era a señora do lume e da horta. A proba é que cando morría o home a vida na casa seguía, máis ou menos, pero cando morría a muller non. As mulleres eran as que mandaban na casa, as que mantiñan o lume novo...

-Cal é ese lume?

-O lume novo, en teoría, dura todo o ano. Acéndese con un tizón que traen os nenos da fogueira que se fai no atrio da igrexa para a Vixilia Pascual ou co tizón do Nadal. As mulleres limpaban a lareira para recibir ese lume e se nalgún momento se apagaba ían á casa da veciña por el para darlle continuidade. Iso era o que facía a muller. Tamén era a señora da horta, o que agora chaman o mercado de proximidade. Alí estaban as cebolas, allos, pementos,... Esa era unha parte do espazo doméstico.

-Todo iso está perdido?

-Hoxe as casas novas non teñen lareira, non se fai o lume. A televisión acabou coas conversas e a demótica fai que non se precise facer lume. Aí, ao carón do lume, foi onde eu aprendín a identidade galega e na universidade ensináronme a estruturala.

-Como ve esta volta ao rural?

-Hai varias etapas desa volta. Os primeiros que viñan da emigración tiraban a casa vella e facían unha de bloques. Nos anos oitenta facían casas de granito. Agora restauran as dos avós. Estou rematando un libro sobre xente que está vindo ao rural, pero non son habituais do mundo rural: non son rurais. A ruralidade é unha filosofía, unha visión do mundo.