A Real Academia Galega inclúe na súa «Guía de nomes galegos» máis de 1.500 antropónimos

A CORUÑA

Este recurso en liña do Seminario de Onomástica da institución presenta as formas estándares, as súas correspondencias noutros idiomas e historias de personaxes que os popularizaron
18 jul 2022 . Actualizado a las 14:19 h.A Real Academia Galega (RAG) presentou este luns a súa Guía de nomes galegos, un recurso en liña que xa se atopa dispoñible na páxina web da institución. Nesta inclúense máis de 1.500 antropónimos procedentes da tradición galega, dos cales se recolle a súa forma estándar, así como a orixe e significado de cada nome. Ademais, tamén se inclúen historias ou lendas dos personaxes que popularizaron cada antropónimo, a súa correspondencia noutras linguas, variantes e hipocorísticos e un mapa da distribución municipal proporcionado polo Instituto Galego de Estatística.
Trátase dun traballo levado a cabo polo Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e coordinado por Ana Boullón Agrelo, quen participou na presentación da guía xunto ao coordinador do seminario, Antón Santamarina, e ao presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. «A finalidade principal desta obra é dar a coñecer á comunidade galega as formas estándares dos nomes persoais», explicou Ana Boullón. «No caso dos nomes galegos, a partir do século XVI non se pode obviar o proceso de substitución polos seus correspondentes casteláns nos textos escritos, pero cómpre ter en conta que moitos seguiron a existir ata a actualidade fóra dos rexistros oficiais», apuntou.
Sobre a incorporación na guía de historias e lendas relacionadas con cada antropónimo, os representantes do Seminario de Onomástica sinalaron que «consideramos que esta guía tamén debe contribuír a un maior coñecemento da historia de Galicia, a medieval en particular, tan esquecida, agochada e mesmo negada, pois poucas veces aparece na historiografía oficial peninsular». Así, inclúense referencias a persoeiros da cultura galega e universal, como Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro ou Óscar Wilde, e a autores que falaron de Galicia nas súas obras, como Isidore de Sevilla ou Gregorio de Tours.
O presidente da RAG, durante a súa intervención, salientou que, con esta guía, «a Academia culmina a un proceso que responde a unha demanda que, desde hai tempo, viñan facendo os nosos usuarios».
O equipo encargado do proxecto
A comisión académica do Seminario de Onomástica encargada da redacción da Guía de nomes galegos está formada, ademais dos dous integrantes xa mencionados, por Xesús Ferro Ruibal, Xosé María Lema, Gonzalo Navaza, Luz Méndez, Xosé Antón Palacio, Ramón Lorenzo e Vicente Feijoo. O repertorio partiu do Dicionario de nomes galegos para ampliar e actualizar a información daquela obra e poñela a disposición de toda a cidadanía na Rede.
A Guía de nomes galegos tamén inclúe dúas listaxes descargables, unha de nomes masculinos e outra de nomes femininos. Ademais, a RAG ten como obxectivo presentar proximamente unha guía de apelidos, na que está traballando o Seminario de Onomástica.