Sabes quen foron as «malas mulleres» da Coruña?

Mila Méndez Otero
m. méndez A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

ARCHIVO MARTÍN FERNÁNDEZ

A escritora Marilar Aleixandre recupera a descoñecida historia da Galera

29 oct 2022 . Actualizado a las 16:15 h.

«De todas as persoas ás que lle preguntei na Coruña, só unha me soubo dicir por que a Galera se chama así. Foi Xulia Santiso, a directora da Casa Museo Emilia Pardo Bazán», desvela Marilar Aleixandre. Camiñar pola transitada rúa da zona de viños da Coruña non é o mesmo unha vez que se sabe da historia de Sisca, unha das protagonistas de As malas mulleres (Galaxia, 2021). A novela, que mezcla investigación histórica con ficción, acaba de recibir o Premio Nacional de Narrativa «por su original estructura híbrida que la convierte en una singular novela histórica sobre la situación carcelaria de las mujeres en el siglo XIX».

Como o seu nome indica, nesta vía peonil estivo unha das últimas cárceres de mulleres abertas en España. «Case non hai documentación, pero sabemos que estivo operativa pouco tempo. Polo menos, entre 1863 e 1865. Un dato que coñecemos grazas a Concepción Arenal», di Aleixandre. A razón, que a autora de La mujer del porvenir foi aquí visitadora.

Hoxe, continúa Aleixandre, dese pasado só permanece un nome: «Quedou a placa da rúa, antes chamada Sol, pero non a memoria. Na Coruña houbo unha cárcere na que estiveron 300 mulleres da que ningún sabe nada».

E quen eran esas mulleres que era conveniente agochar? «Xa nos podemos imaxinar, as das marxes». Son os anos do cólera e de Os Miserables, de Víctor Hugo.

Marilar Aleixandre mestura historia con ficción na súa última novela. Todo isto sen abandonar o seu característico ton poético. Por segundo ano consecutivo, unha novela en galego faise co Premio Nacional de Narrativa. O ano pasado o gañador foi o escritor e xornalista de Betanzos, Xesús Fraga. Antes, xa o conseguiron autores como Manolo Rivas
Marilar Aleixandre mestura historia con ficción na súa última novela. Todo isto sen abandonar o seu característico ton poético. Por segundo ano consecutivo, unha novela en galego faise co Premio Nacional de Narrativa. O ano pasado o gañador foi o escritor e xornalista de Betanzos, Xesús Fraga. Antes, xa o conseguiron autores como Manolo Rivas SANDRA ALONSO

A sorpresa entre as reclusas

Para o libro, a escritora foi aos rexistros, pero só atopou silencios. Foi grazas ás cartas de Concepción Arenal, Concha, de onte puido obter datos. E, para súa sorpresa, apareceu un nome. «Todas as reclusas son anónimas, menos unha. Era Pepa a Loba. Estivo présa na Galera cando era nova, acusada dun asasinato que non cometeu. Tiña que ser unha muller cun carisma impresionante. Concha faloulle a un amigo dela nunha carta», relata Aleixandre.

Pero, non só foron as reclusas as que suscitaron críticas entre a alta sociedade coruñesa da época. Varias «mulleres ben» fixeron a súa pequena revolución.

A primeira a destacar é Juana de Vega, amiga de Concha. «Foi unha revolucionaria desde pequena. Con dez anos axudou á súa nai a organizar unha fuga no cárcere do castelo de San Antón. Era unha liberal e unha conspiradora. Na Coruña creou unha asociación de beneficencia da que podían formar parte todas as señoras que quixeran traballar pola ‘‘humanidad doliente'', un termo liberal para non falar de caridade cristiá. As mulleres só tiñan permitido asociarse neste tipo de sociedades», destaca.

Xuntas, Concha e Juana idearon un xeito de poder entrar no cárcere para axudar ás mulleres, darlles clase, ensinarlles. «Souben da Sociedad de la Magdalena polas memorias que se conservan no convento de San Francisco», indica Aleixandre.

«Houbo máis mulleres que formaron parte da sociedade e, de seguro, entraron na galera», engade. Sabemos que a tesoureira se chamaba Rosa. Tamén figura o nome de Julia Viqueira, muller do comerciante e mecenas José Pascual López Cortón, un dos promotores da Institución Libre de Enseñanza en Galicia. No libro, Aleixandre tamén menciona a Amalia de la Rúa, nai de Emilia Pardo Bazán e moi amiga de Juana de Vega. «Ía ao faladoiro que organizaba Juana todas as semanas na súa casa».

A súa actividade na Galera durou ata 1865, cando o alcaide, o escritor Benito Vicetto, decidiu prohibirlles a entrada. Aleixandre desvela unha última identidade: «O personaxe de Sisca, o que lle pasa, está inspirado nunha nena real, Mercedes, tamén da Coruña, pero de 1953». Un século máis tarde as condicións das mulleres aínda non mudaran tanto.

En galego: por segundo ano consecutivo, unha novela en galego faise co Premio Nacional de Narrativa. O ano pasado o gañador foi o escritor e xornalista de Betanzos Xesús Fraga. Antes, xa o conseguiron autores como Manolo Rivas
En galego: por segundo ano consecutivo, unha novela en galego faise co Premio Nacional de Narrativa. O ano pasado o gañador foi o escritor e xornalista de Betanzos Xesús Fraga. Antes, xa o conseguiron autores como Manolo Rivas

Un concepto de cárcere para mulleres que ideou unha monxa do século XVII

«As malas mulleres é un título tomado dunha carta que escribe no século XVII unha monxa a Felipe II na que di que, ao igual que hai galeras para os homes, as ten que haber para sacar da rúa ás malas mulleres», di Marilar Aleixandre. Pasaron moitos anos, pero a idea da relixiosa materializouse con estas prisións na segunda metade do XIX. Na Coruña, unha vez pechada á casa da rúa Galera moitas foron para o Parrote. «Os seus delitos?, pode que roubar pan».