Ourense renderá homenaxe a Álvaro Cunqueiro

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

A CORUÑA

Cunqueiro e Blanco Amor, a finais dos anos 60 en Ourense.
Cunqueiro e Blanco Amor, a finais dos anos 60 en Ourense.

A Insua dos Poetas acollerá un acto sobre o escritor en decembro

13 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ourense celebrará o 111 aniversario do nacemento de Álvaro Cunqueiro a través dunha iniciativa da Fundación Insua dos Poetas que conta co apoio da Deputación de Ourense e que se celebrará na Esgueva (Madarnás, O Carballiño) arredor do 22 de decembro, data de nacemento do xenial escritor de Mondoñedo.

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, avanzou ao presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar, o apoio nesta xornada cunqueiriana na Insua dos Poetas, que incluirá a instalación dunha peza escultórica e outras actividades destinadas a incorporar ao predio da Esgueva, Madarnás, O Carballiño, ao grande escritor, xornalista e gastrónomo.

O escritor de Mondoñedo, segundo adiantou Luís González Tosar, «debe estar por dereito propio e pola valía da súa obra, especialmente da escrita en lingua galega, á que Cunqueiro elevou á súa máxima categoría, entre os autores e autoras que integran o mundo literario da Insua dos Poetas».

González Tosar destaca a importancia de incluír a Cunqueiro nun universo no que xa están autores como «Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Eduardo Blanco Amor, Federico García Lorca, Xosé María Díaz Castro, Celso Emilio Ferreiro, Pura e Dora Vázquez, Carlos Casares ou Antón Tovar».

A Fundación Insua dos Poetas está establecendo os contactos oportunos coa Deputación de Ourense, a Xunta, o Parlamento e o Concello de Mondoñedo «para darlle o máximo nivel e categoría a unha celebración que, aproveitando o 111 aniversario do nacemento do escritor, axude a honrar e espallar a súa obra e o seu pensamento».