Fernández Mouriño, candidato do PP en Carral: «Foron catro anos como alcalde, pero sen mandar»

m. carneiro A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

José Luis Fernandez Mouriño, no ano 2022 cun año na súa granxa de Carral, onde cría galiñas, coellos, cabras e ovellas
José Luis Fernandez Mouriño, no ano 2022 cun año na súa granxa de Carral, onde cría galiñas, coellos, cabras e ovellas MARCOS MÍGUEZ

O que foi rexidor entre 2003 e 2019 tentará recuperar o poder cun programa asentado na construción do centro de día, a aprobación do plan xeral e a atención ao sector primario

22 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Catro anos despois de perder a alcaldía e vinte da súa toma de posesión como rexidor, José Luis Fernández Mouriño (Carral, 1941), intentará o 28M recuperar o mando para o PP.

—Por que perdeu a maioría?

—Eu tiña un funcionario de máxima confianza, ao que derivaba aos veciños que me comentaban algún problema para concertar unha cita ou atendelos, e para a miña sorpresa, a finais de febreiro do 2019, anuncia que se presenta por Alternativa dos Veciños. Despois de 16 anos de alcalde algún inimigo sempre vas ter, pero moitos veciños pensaron que Javier Gestal sempre os tratara ben o decidiron votalo para pagarlle o favor. Foi o que pasou. Metín o raposo no galiñeiro.

—A que atribúe a expansión de AV ao resto da área?

—O único sitio raro onde conseguiu bos resultados foi Carral. Acertou co candidato. No resto, o que fixo [Ángel García Seoane] foi convencer a cabreados e botar fóra aos que discreparon. Quitando o de Carral, ningún era virxe.

—Como foi estar na oposición?

—Positivo para min e negativo para Carral. Despois de 16 anos ás veces as árbores non che deixan ver o bosque. Podes facer unha obra importante para 20 anos e non saber que os veciños valoran tanto ou máis cousas do día a día para as que non fan falta tantos cartos. Eu tampouco quedei resentido nin acomplexado. Sigo a ser o mesmo e teño que agradecer aos veciños que me trataran igual. Pasei catro anos como se fora alcalde pero sen mandar.

—Como ve Carral?

—Carral tiña 5.085 habitantes cando cheguei no 2003 e no 2019 eramos 6.700. Nestes catro anos puidemos medrar máis, porque máis poboación significa máis poder económico e máis servizos. O alcalde da Laracha é unha formiguiña, sempre traballando, e o seu polígono funciona á perfección. Aquí en catro anos non veu nin un conselleiro nin director xeral. Ao alcalde dálle medo pisar moqueta, pero ser un bo auxiliar administrativo non é suficiente. Hai que pedir cartiños. Qué pasa? Que aquí quen goberna en realidade é o alcalde dun municipio nin sequera limítrofe, con costa e moitos millonarios.

—Que propón?

—Deixamos o plan xeral listo para a aprobación inicial cos informes sectoriais, e en catro anos non o sacaron do caixón. É importante para planificar o municipio e o solo industrial. Pero máis importantes son os nosos maiores, 1.600 persoas maiores de 65 anos para as que tiñamos un convenio con Política Social para construir un centro de día. Había 150.000 euros consignados nos orzamentos da Xunta. Vai ser a primeira visita que faga o día despois de ser elixido. E hai que seguir co comercio, coas vivendas da Sareb, tan de moda, co medio ambiente e co val de Barcia. Carral foi a despensa da Coruña, os primeiros amorodos e as primeiras mazás, eran de Carral. Hai que poñelo en valor.