«Algunhas Polaroids fan dubidar sobre onde remata a fotografía e comeza a pintura»
A CORUÑA
La Voz de Galicia organiza visitas guiadas á exposición «Proyecto Polaroid»
27 abr 2023 . Actualizado a las 22:53 h.La Voz de Galicia convida aos seus subscritores a participar dunha visita guiada á exposición Proyecto Polaroid na Fundación Barrié. Unha mostra que pode verse por primeira vez en España na Coruña, que recolle máis de 300 pezas entre as que se atopan obras de un centenar de artistas como Andy Warhol, Robert Mapplethorpe, Dennis Hopper, Ansel Adams, Gus Van Sant, Peter Beard ou George Silk, ademais dunha colección de prototipos e modelos da lendaria cámara creada nos anos 40 por. Edwin Herbert Land. Unha mestura entre arte e tecnoloxía que ben merece unha explicación pormenorizada para entrar nun mundo que conquistou o corazón de millóns de usuarios en todo o mundo e de moitos artistas de primeiro nivel. Para apuntarse hai que chamar ao teléfono 900 154 218. A exposición estará aberta ata o mes de xullo e a próxima visita guiada para subscritores de La Voz de Galicia farase este xoves 27 ás 19.00 horas. «A mostra está organizada pola Foundation for the Exhibition of Photography, que é a que mira polo legado de Land e a que foi creada por el mesmo. E tamén está detrás o MIT, porque Land colaborou con eles na parte do desenvolvemento da tecnoloxía das cámaras», explica o responsable de cultura da Fundación Barrié, Diego Rodríguez, sobre esta exposición.
—A Polaroid é todo un símbolo do século XX.
—A cámara creouse no ano 48, naquel momento Land tiña unha empresa na que traballaba coa fotografía 3D. Indo de excursión sacou unhas fotos e a filla díxolle que as quería ver. Land lle explicou que non podía ser, pero a filla non o entendía. E como bo inventor púxose a traballar e xa aquela tarde tiña lista a esencia do que ía ser a Polaroid. Despois todo foi progresar ata facer un produto que puidese saír ao mercado. As primeiras cámaras que sacaron esgotáronse en días, a pesar de ter un prezo considerable.
—Foi un elemento clave na popularización e democratización da fotografía.
—O que democratizou foi a técnica, o feito de non ter que ser un experto en laboratorio para revelar unha foto. Land tiña máis de 300 patentes. Todas estas cámaras tiñan moitos segredos ademais do revelado instantáneo. O autofocus, por exemplo, tamén é cousa súa.
—Na exposición hai fotografías que semellan máis ben obras pictóricas.
—Hai unha primeira sección na que pode verse a faceta máis experimental dos artistas, que aplican diferentes técnicas as súas fotos, como o arrastre, e moitos deixan que se vexan os ácidos na parte superior da imaxe. Era como unha proba do propio formato co que están traballando. Temos unha obra de Joan Fontcuberta que é unha Polaroid dun cacto que despois rascou contra a propia planta para darlle textura. Ou as fotos de Lucas Samaras, que fan dubidar ao visitante ónde remata a fotografía e comeza a pintura.
—E hai unhas instantáneas xigantes. Daba a calidade das Polaroids para facer estas ampliacións?
—É que non son ampliacións, senón que están feitas cunha máquina Polaroid xigante. Inventouse nos anos setenta e hai unhas seis no mundo. Foi o froito desa colaboración que Land sempre mantivo cos artistas. Rompe con esa identificación que pode ter a xente de Polaroid con pouco control das cores ou falta de definición.
—Pero as Polaroid tiñan tamén un perfil doméstico, máis ala do artístico.
—O mellor exemplo de esa relación persoal que temos coas Polaroids é a fotografía de Charles M. Duke que temos na exposición. É un astronauta que pasaba a vida en Cabo Cañaveral, lonxe dos seus fillos. Prometeulles que os levaría á lúa, e o fixo, xa que levou unha Polaroid na que saía toda a familia e sacoulle unha foto sobre a superficie lunar.
—Dalgunha maneira as Polaroids foros precursoras das redes sociais.
—Aquí tiñan moito feito, aínda que o poder multiplicativo de Internet sexa algo que vai moito máis alá. Pero as Polaroids teñen os pés no mundo físico. Poderíamos dicir que acadaron o desexo da filla de Land, pero tamén o de moitas persoas maiores que din que queren as fotos en papel.
«As cámaras non pretendían ser só un instrumento, eran auténticas obras de deseño»
A exposición inclúe unha parte dedicada á evolución das máquinas Polaroid e os seus distintos modelos.
—Algunhas pezas son auténticas xoias.
—A Polaroid non só pretendía ser un instrumento para facer arte, senón que as propias cámaras eran unha obra de deseño en si mesmas. De feito, Steve Jobs sempre dixo que o seu modelo para construír os deseños de Apple era Land, que insistía en que a cámara debía de quererse tamén como obxecto. Hai algunhas que son un luxo. Cunha delas se fixo un spot publicitario no que se amosaban todos os movementos de precisión que tiña que facer a máquina para abrirse. Parecía un insecto despregándose. Só ver cómo se abre e xa unha beleza.
—Sorprende moito a versatilidade dunha cámara que moitos críamos con moitas limitacións.
—A Polaroid serve para todos os propósitos da fotografía, e iso se ve na exposición. Incluso temos exemplos de fotografía microscópica de dentes de león e dun anaco de cerebro de rato. Fotografías cunha intención científica, pero cunha carga estética e artística enorme. Ou fotos de corpos celestes, moi típicas de aquela época da carreira espacial, como a que temos de Saturno, dunha nitidez incrible.
—E tamén hai moitos retratos.
—Claro, é unha parte fundamental. E iso foi particularmente interesante na fotografía etnográfica. Temos unhas fotografías dunha tribo que probablemente nunca vira unha fotografía, e grazas a que era unha Polaroid puideron verse retratados. Pero os retratos máis coñecidos son sen dúbida os de Warhol. A filosofía da Polaroid está irremediablemente ligada a súa figura, ao seu sistema de promoción da personalidade.