Francisco Jorquera, candidato na Coruña: «O BNG non empeza unha negociación co reparto de concellarías»

Ana González Núñez
ANa González A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

MARCOS MÍGUEZ

Deixa claro que antes de falar de goberno de coalición, o primeiro é o diálogo con Inés Rey sobre o modelo de cidade

30 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O candidato do BNG á alcaldía da Coruña nas eleccións do 28M, Francisco Jorquera (Ferrol, 1961), obtivo catro concelleiros e está chamado a facilitar un goberno de esquerdas.

—Intentará entrar no executivo?

—Ao longo da campaña insistimos en que o obxectivo do BNG era ser o goberno da Coruña, non entrar no goberno. O BNG non se fixa como un obxectivo político entrar nun goberno liderado por outra forza política. O que se fixa como obxectivo é imprimirlle un cambio de rumbo a acción do executivo porque somos críticos co avance do goberno de Inés Rey. Polo tanto, o BNG ten disposición para pactar e asegurar a gobernabilidade da cidade poñendo os intereses dos coruñeses por diante. Entrar no goberno ou non será consecuencia dun proceso previo de diálogo, de se hai un acordo de cales deben ser as prioridades a atender nos vindeiros catro anos e se estamos de acordo nos mecanismos que aseguren o cumprimento do que se acorde. Nestes momentos, non podo anticipar se imos formar un goberno de coalición.

—Entón, non lle vai pedir a Inés Rey algunha concellería?

—O BNG non empeza ningunha negociación co reparto de concellarías por diante, porque somos unha forza política que quere ser útil aos coruñeses apostando por un determinado modelo de cidade. É fundamental ver se estamos de acordo no modelo de cidade que hai que impulsar.

—Se hai un acordo de orientacións políticas, o BNG apoiará un goberno socialista?

—Non podo poñer o carro diante dos bois. O acordo esclarecerá os escenarios posibles.

—Cales foron os incumprimentos de Inés Rey?

—Foron sistemáticos. Un evidente foi a negativa a negociar orzamentos, que fixo que por decisión unilateral do goberno local nada máis que houbese orzamentos en dous anos. A decisión máis importante que se toma en cada exercicio son os orzamentos, pero os incumprimentos foron reiterados. O BNG á hora de falar non só vai centrarse en acadar un bo acordo, senón tamén en mecanismos que garantan o cumprimento do que se acorde.

—Que tipo de mecanismo?

—Non podo anticipar o contido da negociación. Cada forza ten que reunir os seus órganos de dirección e valorar os resultados máis en profundidade. En virtude diso, lexitimamente, ten que traballar as súas propostas e estratexias.

—Algunha liña vermella?

—O BNG non empeza unha negociación anunciando as liñas vermellas, porque iso non é unha boa práctica negociadora. O BNG vaille dar moitísima importancia a se o resultado global é satisfactorio. Non imos negociar dicindo queremos esta parte da torta, porque non entendemos a política así, senón pensando en cales teñen que ser as orientacións das políticas, en función dos intereses dos coruñeses.

—Cando se reunirá con Rey?

—Non está axendado.

—Falará con Ana Pontón?

—O BNG ten convocada unha reunión do seu Consello Nacional para este sábado, na que vai haber unha valoración dos resultados e se establecerá un marco xeral de actuación. Non somos unha confederación de reinos de taifas, somos unha organización de ámbito galego que ten un pensamento común no conxunto de Galicia e, polo tanto, o marco xeral que decida o BNG ímolo ter moi en conta na nosa actuación local, loxicamente.

—Miguel Lorenzo fíxolle un chamamento para que deixe gobernar á forza máis votada.

—Hai moitas institucións onde o PP poderá asumir a presidencia se ten os apoios de Vox. Non sei se Miguel Lorenzo vai facer unha apelación ao PP alí onde dependa de Vox para que non asuma a presidencia desa institución con eses apoios. Respecto moitísimo a Miguel Lorenzo. Hoxe [por onte] tiven unha conversa telefónica con el na que manifestei a disposición do BNG a ter diálogo, tamén co Partido Popular porque é bo que as forzas con representación teñan unha conversación normalizada entre elas. Os coruñeses atribuíronlle ao PP unha representatividade importante, pero o BNG en Galicia preconízase como alternativa ao PP. Vai haber eleccións autonómicas en breve. O obxectivo do BNG é impulsar o cambio galego como alternativa ao PP. Polo tanto, o BNG non traballa coa hipótese de facilitar que o PP reforce a súa posición nas institucións locais do noso país.

—Unha valoración do anuncio de eleccións xerais?

—É unha decisión audaz e arriscada por parte de Sánchez. O aspecto positivo para min é que coincide cun BNG claramente ao alza no conxunto de Galicia como ratificaron estas eleccións. Aspiro a que esas eleccións nos permitan ter un grupo galego forte e influinte no Congreso.