Logo dun mandato de colisión coa oposición, os seus veciños déronlle a primeira maioría absoluta de Alternativa fóra do municipio fundacional
31 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Ter unha maioría absoluta con Alternativa dos Veciños fóra de Oleiros ten un mérito xigantesco. A formación que lidera Ángel García Seoane leva dous anos sendo a forza máis votada en Carral, e esta vez conseguindo máis dos concelleiros necesarios para gobernar en solitario. Javier Gestal (Carral, 1957) prolonga o que outros candidatos chamaron «el efecto Javier» nas eleccións do 2019, xa que os veciños vían no cartel electoral ao funcionario «de toda a vida» que lles resolvera unha morea de problemas administrativos. «El efecto Javier» incluso creceu na figura deste alcalde que viviu un mandato abrupto logo de comezar formando unha coalición co PSOE da que pronto comezaron a xurdir chispas de desconfianza. Aquela relación acabou rachando logo das acusacións do portavoz do PSOE de «prácticas trumpistas» por parte do equipo de Gestal. Logo de catro anos dependendo dunha oposición que lle chegou a marcar varios proxectos a executar, Gestal terá as mans libres para desenvolver o seu proxecto que, segundo el di, «son nin máis nin menos que as demandas diarias dos veciños».
—Os veciños votaron estabilidade?
—Si, eu penso que si. Votaron a unha seguridade do partido. Os veciños nunhas municipais votan o que fixo o goberno e nós fixémolo moi ben, moi ben, moi ben. E demostrouse cunha maioría. Houbo un equipo con xente preparada, honrada, servindo aos veciños. Criticóusenos porque non levabamos un programa político pero nós xestionamos segundo as demandas de cada veciño. Fixen unha campaña casa por casa, a cercanía que tivemos a xente a valora moito.
—Recibiu a felicitación dos outros candidatos na noite electoral?
—Tiven a chamada por parte do Partido Popular.
—Neste mandato, vaise rodear de expertos en conseguir subvencións? Critícanlle que deixou pasar unha morea de millóns.
—Non. Eu levo máis de 30 anos no Concello, non lembro unha corporación con xente tan preparada. No meu equipo de goberno teño 9 licenciados, estamos no século XXI, ten que estar preparada. Teño un enxeñeiro que vai levar Urbanismo.
—E terá Carral un plan xeral nos vindeiros catro anos?
—Eu espero que si. Pero a miña prioridade é o saneamento. Ese tema non me deixa durmir de noite. Nestes catro anos estivemos pelexando moito con ese tema, foise á Xunta, falouse con Ethel (Vázquez, conselleira de Infraestruturas) para intentar conseguir unha axuda, nos financiaron o proxecto, logo non nola deron en Transición Enerxética.
—Que saída lle vai dar a ese «stock» de vivendas da Sareb?
—Temos contactos con eles, pero hai casas así na Coruña en Madrid e en todos lados.
—Como senta ser a primeira maioría absoluta de Alternativa dos Veciños fora de Oleiros?
—Ai, moi ben. Din que Gelo vén gobernar aquí, e Gelo aquí xamais gobernou.
—Oleiros e Carral son un pouco diferentes.
—Oleiros e Carral son como o día e a noite, que me vas comparar. Carral é un concello que viña cunhas eivas enormes e non nos podemos comparar en nada a Oleiros.
—Qué lle dixo o presidente de Alternativa na noite electoral?
—Felicitoume, quedou moi contento. Díxome que sexamos moi prudentes, e que traballemos con honradez, sempre di o mesmo.
—Sorprendeulle o afundimento do PSOE de Carral, o seu exsocio?
—O PSOE tivo un fracaso en toda a comarca. En Carral non me sorprendeu porque a forma de traballar desta persoa (o candidato Pablo Couto) non a entendo.