As reflexións de Murguía sobre Galicia, na biografía inédita de Lois Carré

Alejandro García Chouciño
A. g. chouciño A CORUÑA

A CORUÑA

De esquerda a dereita: Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora; Luis Carré, neto do autor; Esther García, docente; Roberto Parga, presidente do Circo de Artesáns; e Olivia Rodríguez, filóloga na UDC
De esquerda a dereita: Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora; Luis Carré, neto do autor; Esther García, docente; Roberto Parga, presidente do Circo de Artesáns; e Olivia Rodríguez, filóloga na UDC MIGUEL MIRAMONTES

O Circo de artesáns de A Coruña acolleu este venres a presentación de «Murguía, o patriarca»

02 jun 2023 . Actualizado a las 22:12 h.

Non puido ser máis redondo. Como un círculo que se pecha. Onte, o Circo de artesáns de A Coruña acolleu pola tarde a presentación da biografía inédita que Lois Carré Alvarellos (A Coruña, 1898-1965) fixo en 1953 de Manuel Murguía. Deste xeito, a entidade inaugurou o programa de homenaxe ao considerado patriarca das letras galegas con motivo do centenario da súa morte. Tamén festexan os 110 anos daquel tributo que fixo o propio Circo nese inmoble ao historiador.

O acto contou coa participación das persoas responsables da edición e estudo da obra: as docentes Esther García de Lucas, Olivia Rodríguez González. Tamén participaron o director de Alvarellos Editora, Henrique Alvarellos, o presidente do Circo, Roberto Parga, e un dos netos de Lois, Luis Carré. «A historia deste libro comeza porque ía facer un Traballo de Fin de Mestrado (TFM) na UDC e quería facelo sobre o avó do meu marido. Eu pertenzo á familia Carré de forma secundaria», explicou Esther sobre como tivo acceso á obra. «As fillas de Lois Carré eran un pouco reticentes a amosar o traballo do seu pai. Elas gardaban as pezas con moitas precaucións. Pero ante a miña insistencia, conseguín que me deixaran esta biografía e foi aí de onde parte todo. O libro é moi apropiado para a colección Rescate que leva Alvarellos», engadiu.

Sobre a principal diferenza entre esta obra e a biografía que elaborou Xosé Ramón Barreiro no 2012, Henrique resalta que «Lois e un biógrafo que coñeceu ao biografado. É moi importante, porque fala cousas das que ninguén podería falar se non é a persoa que o tratou. Isto fai que esta biografía sexa tan minuciosa en datos. Como se comportaba Murguía coa xente nova, como o facía cos demais, como traballaba... ese perfil íntimo está tamén nesta obra, contando a maiores coa documentación exhaustiva, minuciosa e enorme que está envorcada. Trátase dun volume de 552 páxinas. Será impreso en tapa dura coa vontade de que quede como un libro de referencia para entender tamén o país que somos hoxe. É unha reflexión sobre todos nós».

Olivia, a que fora titora do TFM de Esther, sinalou que Lois «explica polo miúdo a obra de Murguía e cita moita dela. A cita porque nos anos 50 era imposible para a xente normal acceder aos libros de Murguía. Eran de difícil acceso. Entón preocúpase por citar e citar, de aí que sexa un volume moi extenso».

Os tres afirmaron que Murguía, o patriarca está sen rematar. «Falta a última parte da vida de Murguía. Non sabemos o porque. Pode ser simplemente por estar tamén con outros traballos, por ter 60 anos... Estaba facendo tamén outra biografía sobre o seu pai, Uxío. Aí se queda. Nós non engadimos nada. Simplemente fixemos unha introdución explicando o que supón e a importancia da súa publicación polo que contén, polo galego que emprega, e sobre todo porque é unha base de documentación inmensa», salientou Esther.

Banquete de homenaje a Manuel Murguía en 1913
Banquete de homenaje a Manuel Murguía en 1913

Mostra sobre Murguía no Circo de Artesáns

A entidade tamén aproveitou a xornada para inaugurar a exposición Murguía na biblioteca do Circo de artesáns. Nela se ofrece unha mostra bibliográfica do autor e recursos gráficos tanto daquel banquete que se fixo en 1913 como do multitudinario enterro do que tamén foi fundador da Real Academia Galega.