Leria: «Somos mulleres novas facendo música "indie" en galego, e iso ten a súa parte reivindicativa»
A CORUÑA
As catro rapazas entran pisando forte na escena galega, con dous sinxelos ás costas e un disco en camiño
03 sep 2023 . Actualizado a las 18:11 h.Leria son catro rapazas da Coruña, dos 20 aos 25 anos, que fan música indie en galego. Comezaron tocando na rúa, concretamente na Marina, e en pouco tempo toda a cidade falaba delas. A xente paraba escoitalas, seguíaas en redes, bailaba ao son dos seus ritmos. Despois dun primeiro bolo histórico na sala Mardi Gras, Mayra Vila (voz e guitarra), Helena Barreiro (batería e coros), Itzi de Blas (baixo e coros) e Andrea López (teclas e coros) xiraron por toda Galicia pisando forte, enchendo cada escenario de luces de cores… E lanzáronse, sen pensar, á fin do mundo.
Pregunta. Como é o seu estilo? Que buscan musicalmente?
Andrea López. Inspirámonos bastante en Love of Lesbian, que nos encanta escoitalos xuntas, nas Ginebra, un grupo de mulleres que temos sempre de referencia...
Itzi de Blas. Tanto enriba do escenario como abaixo sempre buscamos pasalo ben, nós e a xente que nos vexa.
Helena Barreiro. Pero non só facemos música para que a xente baile e pase un bo rato, tamén hai un contido.
A. L. E é inevitable que o que facemos teña a súa parte reivindicativa polo feito de que somos catro mulleres, todas novas, facendo música en galego... Creo que non fai falta engadir nada máis [risas].
P. Precisamente íalles facer esa pregunta. Por desgraza, é moi pouco habitual ver bandas formadas íntegramente por mulleres, supoño que para vostedes é un orgullo.
A. L. Si, nós tivémolo moi claro dende o principio, sobre todo para que os rapaces que nos veñen ver —porque aos nosos bolos veñen bastantes nenos— teñan un grupo de referencia formado por mulleres. Que vexan mulleres na escena, pensamos que é moi importante e por iso somos un grupo íntegro de mulleres. En ningún momento se nos pasou pola cabeza meter a un home [máis risas].
P. E iso tróuxolles algunha dificultade?
H. B. Ao principio estabamos moi tranquilas, non tivéramos ningunha mala experiencia, pero agora xa pasamos por todo.
I. B. Temos anécdotas de todo tipo: dende xente que non quere facer o seu traballo ben connosco por sermos todas mulleres e novas, pasando por acoso por parte doutros grupos...
H. B. Nalgún bolo ata nos plantexamos marchar.
P. Como foi esa experiencia?
I. B. Era un festi pequeno, nós eramos as únicas mulleres entre varios grupos masculinos. Durante a proba de son tivemos que aguantar que todos eles estivesen mirando, xulgando e murmurando.
H. B. Chegáronnos a dicir que non tocáramos nada da mesa de mesturas cando, de catro, tres somos técnicas de son. Estivemos a piques de non tocar. Algunha vez tamén nos dixeron que estamos onde estamos e gañamos premios porque hai que cubrir o «cupo» de mulleres.
A. L. Pero é inevitable, por desgraza. Por iso facemos o que facemos, e nunca imos deixar de facelo.
P. E como xurdiu a idea de montar o grupo?
H. B. Pois May [Mayra Vila] e eu escoitabamos a mesma música e un día decidimos ir á rúa, probar. Eu nunca tocara un instrumento, pero púxenme co caixón e despois coñecemos a Itzi e a Andrea e pouco a pouco fomos tomándonolo máis en serio. Disto hai un ano e medio.
P. Agora xa teñen dous sinxelos sacados, Queres ir a bailar e Ao final, cada vez máis populares. Como están vivindo iso?
A. L. Estamos moi moi agradecidas por todo o apoio que recibimos. Case todos son moi bos comentarios, toda a xente que o escoita ten boas palabras para nós, pero aínda é o comezo e temos un disco entre mans! Así que en breves virá mellor.
P. Cal foi o camiño dende os inicios na rúa ata chegar a onde están agora?
I. B. Fomos pouco a pouco, foi algo gradual. A xente acolleunos moi ben dende o principio, tanto na rúa, que todo o mundo se paraba a escoitar e os cativos bailaban diante de nós, como nas salas e festis nos que fomos tocando. Pero aínda non nos cremos moito a popularidade que están acadando os sinxelos, de escoitas en Spotify e de seguidores en Instagram. Non sabemos que está pasando.
P. A que concerto lle gardan máis cariño?
A. L. No Festigal vivimos sensacións marabillosas. Os temas xa estaban rodados, sentímonos superarroupadas por todos os que viñeron vernos, teloneamos a grupos que nos gustan moitísimo… Para nós foi o máximo do máximo.
P. E como perciben a eclosión de grupos locais na Coruña?
I. B. May e mais eu levamos un pouquiño máis de tempo formando parte de bandas locais. E penso que hai cinco anos había máis grupos emerxentes que agora mesmo. Agora nos relacionamos cuns cantos, pero que vexa que están dando bolos e tal non hai tantos. Moitas das bandas coruñesas superemerxentes, que as coñecía bastante xente na coruña, desapareceron. Supoño que inflúe que o tema de dar bolos na Coruña é complicado. Hai poucas salas, pouca cultura de ir a concertos pequenos… De todas maneiras segue habendo moi bos grupos, e nós sentímonos rodeadas dunha serie de persoas moi enriquecedoras.
P. Se puidesen lanzar calquera mensaxe ao mundo, cal sería?
I. B. Para nós é superimportante facer unha chamada a todas as mulleres que sexan músicas, que non se atrevan a estar nun grupo, que non se atrevan a intentar saír adiante en solitario. Porque o panorama actual, como comentabamos antes, non é precisamente amigable coas mulleres. Queremos animalas a que vaian para adiante. Vano pasar mal, porque tamén nos pasou a nós, van cuestionar o seu traballo e a súa integridade, pero paga a pena. E non queremos quedarnos só nas músicas, tamén animamos ás técnicas de son, que tampouco hai practicamente ningunha currando, porque tamén é un ambiente súper hostil. Facemos unha chamada a todas as mulleres do mundo da música para que se lancen.
P. Onde se ven no futuro?
A. L. No Luar, espero [risas].
H. B. Sendo sinceras, queremos que isto sexa un proxecto grande. Canto máis grande mellor. Facemos isto porque para nós é felicidade, e poder compartilo as catro xuntas, que xa somos irmás… É moito máis que só música.
I. B. Imos facer todo o posible por que o proxecto saia adiante.
H. B. Si, e se non sae ben seguiremos tocando. E xa está.