A Deputación financia 411.000 horas de axuda no fogar para os concellos

A. S. Rodríguez A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

Visita de Valentín González Formoso á asociación Misela de Noia.
Visita de Valentín González Formoso á asociación Misela de Noia. atr

O programa inclúe a contratación de 179 profesionais de servizos sociais

16 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Políticas para os máis desfavorecidos. A Deputación da Coruña ten un plan poliédrico para atender ás persoas máis vulnerables. No vindeiro ano o orzamento da área social da entidade provincial medra un 6,5 % chegando case aos 24,4 millóns de euros.

Nos últimos anos, a área de Acción Social converteuse nunha das fundamentais na acción política da Deputación. Unha tendencia que se potenciou aínda máis durante a pandemia, uns anos nos que o goberno provincial reforzou todos os programas de apoio aos colectivos máis necesitados.

Durante o mandato de Valentín González Formoso, o plan de servizos sociais comunitarios co que a Deputación financia boa parte da acción social dos municipios de menos de 20.000 habitantes duplicou o seu orzamento, pasando de 4 millóns de euros aos 8,7 cos que contará no 2024.

Isto permite financiar 411.000 horas de servizo de axuda no fogar (SAF) nos concellos máis pequenos e rurais da provincia, que son os que máis precisan deste apoio debido ao envellecemento e a dispersión da poboación. Ademais, este programa financia a contratación de 179 profesionais dos servizos sociais municipais, os primeiros aos que acude a cidadanía cando necesita atención. Recentemente tamén se deu a coñecer a achega provincial con dez concellos aos que se lles dona un vehículo para uso das profesionais da atención a domicilio.

A Deputación dona vehículos para os servizos de axuda no fogar dos concellos
A Deputación dona vehículos para os servizos de axuda no fogar dos concellos atr

 «Cando percorres os municipios da provincia, unha das cousas que máis aprecio é visitar as entidades do ámbito social e ver como a Deputación contribúe a mellorar a calidade de vida das persoas que máis o necesitan. Cada euro investido neste ámbito é útil e necesario», afirma o presidente, Valentín González Formoso, que lembrou que o vindeiro ano a Deputación destinará 4,6 millóns de euros para apoiar o traballo de preto de 300 entidades sociais da provincia financiando contratación de persoal, programas de rehabilitación, tratamento e inserción social e laboral que benefician a miles de persoas. Entidades como Down Coruña, Aspanaes en Santiago, Cogami, Amicos, Aspaber... son algunhas das beneficiarias que contan co apoio da Deputación nas súas actividades.

Pola súa banda, a deputada de Política Social, Mar García Vidal, que leva meses visitando as entidades sociais da provincia para coñecer de preto o seu traballo e as súas necesidades, destaca a importancia de apoiar o labor social destas asociacións «que en moitas ocasión son as únicas que chegan ás persoas, alí onde non alcanzan as Administracións».

A maiores, dende a pandemia do coronavirus o Plan Único da Deputación conta con partidas destinadas a financiar gasto social nos concellos. No 2024 ese POS Social contará cunha dotación de 7 millóns de euros a repartir entre os 93 municipios da provincia.

Plan piloto para crear una rede de residencias públicas de maiores de ámbito comarcal

O goberno provincial está a impulsar un plan piloto para crear unha rede de residencias públicas para maiores de ámbito comarcal. Serán residencias de pequeno tamaño e máis proximidade, con capacidade para unhas 50 persoas, «coas que pretendemos mellorar o benestar e evitar o desarraigo e a soidade non desexada dos maiores, que moitas veces se ven na obriga de ir a residencias moi lonxe do seu fogar», explica o presidente da Deputación, para quen estas novas residencias tamén axudan a crear emprego e fixar poboación no medio rural.

Os primeiros centros situaranse en Rianxo, As Pontes e Ordes e suporán un investimento de 6 millóns de euros por parte de Deputación, que permitirán crear 188 empregos. Os centros serán de titularidade e xestión pública, un modelo alternativo ao da Xunta.

«Este é un proxecto no que levamos meses traballando. A Deputación ten feita unha diagnose dos servizos sociais da provincia na que detectamos unha eiva significativa de dotacións destinadas a maiores», explicou González Formoso, quen desexa que este plan teña o respaldo de todas as forzas políticas, «que sexa un proxecto de país». Confía en ter a «colaboración institucional» da Xunta, e agradeceu a colaboración dos concellos de Rianxo, As Pontes e Ordes, que se encargarán de ceder os terreos e redactar os proxectos.

O servizo de teleasistencia xa atende a máis de 3.700 usuarios, que dispoñen dun colgante ou un reloxo de aviso

Cando se fala da Acción Social da Deputación da Coruña unha das iconas máis populares é o botonciño do que dispoñen xa máis de 3.700 usuarios, xeralmente xente maior que vive soa e que conta con este colgante para avisar de casos de emerxencia. Coa mesma filosofía que no resto desta área provincial, a Deputación duplica o seu orzamento ata chegar aos 1,3 millóns de euros para atender a persoas de concellos de menos de 75.000 habitantes, o que inclúe a cidade de Ferrol.

Ramón Roibas, veciño de Aranga, amosa o seu reloxo do servizo de teleasistencia
Ramón Roibas, veciño de Aranga, amosa o seu reloxo do servizo de teleasistencia CESAR QUIAN

Pero o popular botonciño xa evolucionou e moitos dos usuarios que se van incorporando a este servizo dispoñen dun moderno reloxo deportivo que fai as mesmas funcións, e incluso aporta máis cobertura ampliando o radio de acción, xa que ten incorporado un xeolocalizador. Ademais, ten un funcionamento moi intuitivo. Ramón Roibas, veciño dunha aldea de Aranga, cambiou o colgante pola pulseira. «Agora co reloxo podo pasear sen medo, síntome máis seguro, porque podes caer fóra da casa e segues tendo cobertura, co colgante era máis complicado», sinala este home que se adheriu a este servizo da Deputación despois de superar un ictus. En todo este tempo só tivo que premer o botón unha vez por culpa da picadura dunha abella. «Son alérxico así que avisei e en nada xa estaba aquí na casa unha ambulancia, os sanitarios pincháronme soro e xa logo me recuperei», lembra Roibas, quen estes días de inverno anda un pouco acatarrado, «pero xa vou mellor». A evolución dese catarro foi seguida polos técnicos do servizo de teleasistencia que o chaman varias veces o día «para lembrarme de que tome os medicamentos». «Todos os días me chaman ás oito e media da mañá durante o almorzo, logo á hora de comer, e o mesmo ás nove da noite para darme as boas noites e preguntar como foi a tarde», relata Ramón Roibas.

Para o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, «a teleasistencia é un dos servizos dos que nos sentimos especialmente orgullosos porque ofrece compañía e seguridade a moitas persoas maiores que viven soas e da unha gran tranquilidade ás súas familias ao saber que durante as 24 horas dos 365 días do ano, sempre hai alguén pendente deles ao outro lado da liña».